«Partenalia» analiza en Ourense estratexias de cooperación das provincias

A rede europea de gobernos locais intermedios, Partenalia, analiza en Ourense estratexias de cooperación das provincias da Unión Europea en materia de transparencia e xestión pública sustentable, un encontro político de marcado carácter medioambiental que reúne no Pazo de Vilamarín aos representantes institucionais das provincias e a expertos en materia de medio ambiente e transparencia como Robert F. Kennedy, presidente de Waterkeeper Alliance; David Levine, presidente da ASBC e Juan Manuel Roa, presidente de Transparencia Pública.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anfitrión deste cumio, destacou, na xornada inaugural, a importancia deste encontro «para traballar medioambientalmente conectados, desenvolvendo accións políticas «en rede», e situando aos gobernos provinciais de Europa como referentes en transparencia e participación cidadá, e como exemplo de xestión sustentable».

 

CONSELLO EUROPEO SOSTIBLE

 

Baltar agradeceu a presenza en Ourense de representantes das provincias que integran Partenalia, así como dos expertos en medio ambiente e transparencia, un labor conxunto en favor dos territorios provinciais e os seus cidadáns que se verá fortalecido coa posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible, que terá a súa sede en Ourense, unha entidade europea medioambiental que traballará como filial da americana ASBC, aplicando a experiencia das máis de 250.000 empresas que integran á American Sustainable Business Council «a prol dunha maior incidencia das políticas medioambientais para favorecer a realización de proxectos públicos, empresariais e sociais que avancen na cultura da sustentabilidade», destacou Manuel Baltar.

Precisamente, no marco do cumio, asinouse o convenio entre Partenalia e a American Sustainable Business Council (ASBC) para a utilización por parte desta organización norteamericana da sede de Partenalia en Bruxelas, cara posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible. O acordo foi asinado polo presidente de Partenalia, Javier Moliner, e o presidente da ASBC, David Levine.

 

ROBERT F. KENNEDY JR.

 

A recepción aos membros de Partenalia contou coa participación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense na chegada das autoridades ao Pazo de Vilamarín, un encontro no que Robert F. Kennedy remarcou a posibilidade de colaboración entre a Deputación de Ourense e a Waterkeeper Allinace para realizar estudos de protección de ríos na provincia de Ourense, e agradeceu «a cooperación neste ámbito do presidente Baltar». Asemade, Kennedy chamou a atención sobre a necesidade de que os gobernos «impulsen medidas para ter lexislacións que faciliten o uso das enerxías renovables» e de «utilizar a tecnoloxía en favor do medio ambiente».

Pola súa banda, David Levine saudou moi positivamente o acordo asinado con Partenalia para colaborar coa ASBC, e subliñou a importancia «de deseñar programas que sensibilizan e informen á sociedade e aos responsables públicos dos beneficios dunha economía máis sustentable e de políticas e prácticas que contribúen a acadar este obxectivo». Levine dixo que é grande acerto «que en Europa se aposte por crear unha entidade homóloga á ASBC que englobe a administracións e empresas en torno á idea de implicarse activamente a prol dunha «economía verde», con proxectos cidadáns, e investigando novas maneiras de innovar a prol da nosa saúde medioambiental».

O presidente de Partenalia, Javier Moliner, expresou que un dos grandes obxectivos de Partenalia, «é elevar a voz dos cidadáns, especialmente dos que viven no mundo rural, e que mellor altofalante que esta organización integrada por gobernos locais e por persoas como Manuel Baltar, un verdadeiro convencido do papel dos gobernos provinciais». Moliner destacou que Partenalia é un instrumento «para defender os dereitos dos cidadáns do rural, unha alianza de gobernos de proximidade para alzar a voz diante das institucións europeas».

Finalmente, Juan Manuel Roa, presidente de Transparencia Pública afirmou que o papel dos gobernos provinciais «é fundamental para a sustentabilidade e o desenvolvemento» e destacou que o paradigma do «goberno aberto» «é o que se está impoñendo no ámbito mundial», e neste sentido hoxe presentou o sistema que implantará a Deputación de Ourense no ámbito da transparencia, «que será a primeira institución pública do Estado en dispoñer dunha Auditoría Social da Transparencia, un método que permite avaliar a transparencia na xestión en tempo real». Roa dixo que esta innovadora ferramenta, desenvolvida por Dyntra, «permitirá coñecer en cada momento o nivel de cumprimento coas obrigas de transparencia e dereito ao acceso á información de todos os entes obrigados por lei na provincia de Ourense, e permitirá a participación dos cidadáns e actores sociais no proceso de avaliación continua».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar