A TVG estrea esta noite «O Descoñecido», película gañadora de dous premios Goya

 

A Televisión de Galicia será a primeira canle española en emitir en televisión o aclamado filme “O Descoñecido”, gañador de dous premios Goya, doce Mestre Mateo, seis Feroz, elixida Mellor Película no “Celtic Media Festival” e produción de grande repercusión internacional para a que xa se prepara un “remake” en Hollywood, con Liam Neeson como protagonista. Os espectadores dos medios públicos poderán ver a estrea o martes ás 22.40 h.

Filme netamente galego, producido por Vaca Films coa participación da TVG e rodado fundamentalmente na Coruña, “O Descoñecido” é o debut como director de Dani de la Torre. Un apaixonante “thriller” con Luís Tosar, Javier Gutiérrez, Goya Toledo e Elvira Mínguez no elenco, que narra a experiencia de Carlos, executivo de banca, cando unha chamada anónima lle anuncia que ten unha bomba no coche en que viaxa cos seus fillos e un tempo limitado para reunir unha importante cantidade de diñeiro e evitar a catástrofe. Desde ese momento, e cun ritmo trepidante, a cámara segue a fuxida de Luís Tosar (Carlos) por rúas emblemáticas da Coruña, nun coche que pode estoupar en calquera momento e ao que a policía segue de cerca.

Coincidindo coa estrea en televisión dunha película que se distribuíu en 50 países, Dani de la Torre e Emma Lustres, productora de Vaca Films, estarán no programa matinal “A Revista” a partir das 12.30 h. para departiren sobre este filme que lle valeu ao seu director unha candidatura ao Goya e un Premio Mestre Mateo

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar