O rural, sen transporte

Dicía o meu avó Francisco, agrarista el, que aos da aldea para que nos atendan temos que enfadarnos e levantar a voz. Pois falemos alto e claro: o transporte público de viaxeiros non existe como tal no rural.

E xa non é cousa de agora. Deixaron de prestar servizo en liñas que tiñan concesión sen que a Xunta tomase cartas no asunto malia as denuncias dos veciños. O Goberno derivou sempre a unha “negociación coa empresa”, alegando que o servizo non era rendíbel, sen importarlles a legalidade.

As empresas impuxeron os seu criterio. Fixaron os horarios en función do transporte escolar, servizo polo que reciben 120 millóns de euros ao ano. Cando os autobuses quedan parados, se se dan as circunstancias, dedican a “coches de liña” algúns dos 2.300 autos que andan a carrexar nas persoas miúdas.

Así que estas liñas non teñen para nada en conta as necesidades da sociedade actual, moi diferentes a cando lle outorgaron as concesións. Os estudantes e as persoas maiores non contan á hora de prestar este servizo público.

As liñas non fan paradas nos centros sanitarios, nin nos educativos e hai que coller taxis desde as estacións de autobuses aos hospitais, universidades e centros de ensino. Aínda que sexa unha vila pequena e o transporte pase mesmo por diante desas instalacións.

Seguen facendo o mesmo percorrido que hai, se cadra, 60 anos, coas mesmas paradas. Cando mudaron as estradas, cando uns núcleos rurais desapareceron e outros formáronse de novo… Hai feitos que levarían á comicidade se non fose un importante atranco para os veciños: como que a parada do autobús a realicen nun cambio de rasante, con baixada cara os dous lados, totalmente afastado de calquera lugar. Antes facíase porque a aquelas carracas éralles moito máis fácil arrancar en baixada… Pois aínda seguen coa mesmo inercia negándose a realizar outras paradas.

A Xunta, cando comeza a estudar un novo mapa de rutas de transporte, xa que en agosto caducan 578 concesións, volve a pór sobre da mesa ensaios que non funcionaron. Propón que o transporte escolar leve viaxeiros, que pagarán polo seu billete, para así, din, “facer rendíbeis” as liñas. Agora ben, para non enfadar aos pais, que xa en certas liñas teñen rexeitado esta fórmula, a Xunta avisa que “serán prioritarios os horarios e paradas dos escolares”.

Eu non lin que a Xunta e os concellos falasen de servizo público nin de rendibilidade social, como falan cando se trata das cidades ou cando enterran diñeiro nos aeroportos co criterio de favorecer sobre todo aos turistas e os ricos que poden coller un avión.
Un transporte público de viaxeiros no rural é imprescindíbel para manter a poboación e que o centro de Galiza non quede desertizado.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar