Homenaxe da EGAP a Carlos Casares polo impulso ao idioma galego

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, asistiu esta mañá na Escola Galega de Administración Pública, ao inicio das celebracións conmemorativas do Día das Letras Galegas cun acto literario dedicado a Carlos Casares.

Na súa intervención, o vicepresidente da Xunta destacou a figura de Casares como un dos máis grandes protagonistas da literatura recente, e eloxiou o traballo que realizou ao longo de toda a súa vida en defensa do uso do galego, e moi especialmente, o seu traballo para promover o uso da lingua entre os máis novos.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos quixo destacar a débeda dos galegos con Carlos Casares pola súa participación activa na política galega nos anos de transición e comezos da democracia, implicándose na reivindicación da autonomía para Galicia e na andadura inicial das institucións de autogoberno. Salientou o seu esforzo para a redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística no ano 1983 e da Lei de creación do Consello da Cultura Galega.

A EGAP conmemora esta data desde o ano 1988. A súa celebración vai máis alá da obriga legal da difusión e normalización do idioma galego recollida na lei de creación do centro, que ten entre os seus obxectivos promover o uso do galego dentro da administración pública, senón que se realiza desde o convencemento de que a promoción e a defensa da lingua galega deben ser obxectivos intrínsecos ao traballo diario da institución.

O acto literario dedicado a Carlos Casares seguiu coa lectura de fragmentos literarios do por parte do escritor e articulista Xosé Carlos Caneiro aos que o cantautor Emilio Rúa lles puxo música.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar