Ourense. Campaña de reanimación cardiopulmonar

 

A Deputación de Ourense pon en marcha unha campaña de formación práctica de reanimación cardiopulmonar baixo o lema «A vida pódese salvar nun intre: téntao!», organizando unha xornada de portas abertas no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» que terá lugar mañá sábado, 13 de maio, para ofrecer formación práctica sobre a cadea de supervivencia. Esta iniciativa, aberta a todo o público en xeral, porá a disposición dos interesados, desde as 10.00 ata as 13.00 horas, coñecementos e técnicas para poder realizar unha primeira atención da parada cardíaca, iniciando a cadea de supervivencia, ata o momento da chegada do Servizo de Emerxencias Médico.

Segundo fontes da Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias, a enfermidade coronaria é a primeira causa de mortalidade nos países industrializados, e ata o 50% das mortes que orixina son súbitas.

O recoñecemento precoz dos síntomas de parada cardiorrespiratoria e do Síndrome coronario agudo por parte da poboación, así como o coñecemento das técnicas de Soporte Vital Básica, xera un beneficio indiscutible, ao mellorar o pronóstico de supervivencia en calquera caso de parada cardiorrespiratoria. Por elo, desde a Deputación de Ourense «organizamos esta xornada de portas abertas, para ofrecer aos cidadáns a posibilidade de formarse en RCP e outras técnicas, que poden axudar a salvar moitas vidas», dixo o vicepresidente do goberno provincial.

«A campaña pretende concienciar á sociedade da importancia de coñecer o manexo inicial do paro cardíaco, xa que a súa intervención pode ser vital para os pacientes», engadiu Rosendo Fernández.

Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que esta iniciativa enmárcase no obxectivo do goberno provincial de «contribuír a que a provincia de Ourense teña a consideración de «Provincia-cardioprotexida» e lembrou que para tal fin, a Deputación de Ourense concedeu achegas económicas a 32 concellos da provincia de Ourense para a adquisición de desfibriladores, despois de aprobar o Programa de cooperación para o cofinanciamento cos concellos de menos de 20.000 habitantes da adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de público.

Na xornada, ademais, efectuaranse distintas demostracións prácticas do funcionamento e o manexo dos Equipos DESA, dispoñibles en todos os edificios públicos da Deputación de Ourense posto que, no ano 2007, o goberno provincial foi a primeira administración pública da provincia de Ourense en implantar Equipos de Desfibrilación Externa Semiautomática «Equipos DESA» nos seus edificios.

Na actualidade, os seis Equipos DESA dos que dispón a Deputación de Ourense están ubicados nos accesos xerais do Pazo Provincial, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», no Teatro Principal, no Pazo dos Deportes «Paco Paz» e no Parque de Maquinaria da Deputación, xunto co equipo móbil de última xeración que está situado como reforzo no Pazo dos Deportes. «Trátase dos centros de traballo que concentran un maior número de empregados públicos e dos que ao mesmo tempo rexistran unha maior afluencia de público en xeral polo tipo de actividades que neles se desenvolven», dixo Rosendo Fernández.

Asemade, desde hai dez anos, a Deputación de Ourense ofrece cursos de formación para os traballadores da administración provincial e das entidades locais da provincia, para o manexo dos Equipos DESA. «Unha formación impartida con carácter anual da que nos 20 cursos realizados ata hoxe formáronse a un total de 253 traballadores da Administración Local de Ourense», sinalou o vicepresidente do goberno provincial.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar