«Luar» presenta esta noite a Irene Caruncho

Irene Caruncho, novísima cantante galega que saltou á fama tras gañar un popular concurso de talentos musicais, presenta hoxe en “Luar” o seu primeiro disco, “Casa en llamas”. Coñecida como a “Adele española”, a súa repentina fama levou a esta estudante de Turismo a concentrarse en exclusiva na súa paixón, a música. Esta noite, publico e audiencia da Televisión de Galicia poderán ver todo o talento que a cedeirense é quen de despregar no escenario. No musical estará tamén o forzudo vigués Roberto Rodríguez, que bateu, no propio “Luar”, o récord mundial de strongman, unha disciplina en que compiten os homes máis fortes do mundo percorrendo 75 metros cargando 250 quilos en menos de 47,6 segundos. Ata a súa proeza na TVG, era o norteamericano Nick Best quen tiña unha marca que Roberto rebaixou ata os 46,2 segundos. Hoxe é un dos homes máis fortes de España, capaz de voltear un coche ou mover un camión.

Por outra parte, o presentador Xosé Ramon Gayoso conducirá o popular concurso telefónico do espazo, que ten un premio xa de 5.500 €. Tamén contará coa compañía da cantante de copla e flamenco María José Santiago e do músico Benito Cabrera, que toca o timple, un instrumento de corda típico e orixinario das Canarias. O programa recibirá así mesmo á Orquestra Los Players e á presentadora Tania Veiras, e contará coa habitual sección “Trucos de Barrio”.

A música tradicional virá a cargo da Banda de Música de Teo, a Asociación de música e danza tradicional Queiroa, o grupo Son do Sil e o Grupo de Pulso e Púo dos Antigos Tunos Compostelanos. Tamén continuarán os dous concursos de talentos “Vai de baile”, cos Ferreñas de Latonhe e Chisco, e “Recantos”, con Issiris, representando a Galicia centro, e Naty, do Bierzo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar