O SilverBullet 17 hoxe, na Cidade da Cultura

Hoxe celébrase na Cidade da Cultura #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos organizado polo CPETIG e a Amtega, concibido como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais na área.

Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.

O nome do congreso #SilverBullet17 está inspirado nun coñecido antipatrón da área de xestión de proxectos, “a bala de prata”, mencionada inicialmente polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstruo polos retrasos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata.

Durante a sesión porase o foco nos tres factores que representan precisamente esa bala de prata: o traballo sistematizado desde o inicio do proxecto, a aplicación de metodoloxías adecuadas e o coñecemento sobre a xestión de proxectos. Amais de amosar as últimas tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos, SilverBullet17 favorecerá a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.

A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17 as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.
Máis información e formalización de inscricións en http://silverbullet.cpetig.org/gl/inicio/

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar