MIranda, con galegos na Arxentina

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, visita hoxe a socias e socios, e instalacións, do Centro Galego de Socorros Mutuos Cultural e Deportivo de Comodoro Rivadavia, na provincia arxentina do Chubut. A entidade, presidida por José Agrelo, conta con preto de medio millar de socios, dos que a maioría son galegos de orixe.

A comunidade galega de Comodoro Rivadavia abriu as súas portas en xullo de 1923 e desde a súa creación se caracterizou polo seu carácter solidario entre os membros da comunidade galega e española en xeral, e tamén por espallar a cultura galega, tendo entre as súas prioridades estimular a participación da mocidade de orixe galega en actividades culturais, sociais, educativas, e deportivas, impulsando o contacto con outras asociacións da Galeguidade na Arxentina.

A cidade na que se asenta o Centro sufriu en marzo deste ano un asolagamento derivado de chuvias torrenciais que provocou o falecemento de dúas persoas, a evacuación de cincocentos veciños e a perda de diversas infraestruturas. Precisamente, o obxecto da visita de Rodríguez Miranda á comunidade galega da zona é comprobar a situación actual das e dos paisanos, e comprobar algúns dos danos sofridos nas instalacións do Centro.

Esta sede conta cun exemplar local social de máis de 600 metros cadrados en tres plantas, a máis baixa das cales acolle unha sala cívica con capacidade para 500 persoas, e tamén instalacións sanitarias, cociña, escenario e camerinos, gardarroupa, secretaría, unha biblioteca ‘Rosalía de Castro’ con máis de 2000 volumes, e un salón de conferencias ‘Castelao’ con medio cento de asentos, así como un salón de actividades culturais e xuvenís ‘Marcelino González’. Moitas desas instalacións sufriron danos durante os días da catástrofe, polo que a Secretaría Xeral da Emigración estudará axudar á recuperación da normalidade se for necesario.

“Trátase dun dos enclaves da Arxentina en que a semente da Galeguidade ten agromado con forza”, asegurou Rodríguez Miranda, quen gabou “o traballo e esforzo da directiva, e de tódolos socios e socias, por transmitir ás xeracións máis novas ese sentimento de pertenza a un pobo universal. Esa capacidade que demostrastes as e os galegos de orixe para transmitir aos vosos fillos e netos ese sentimento, é unha oportunidade de futuro para Galicia, tanto desde o punto de vista económico ou turístico, como sobre todo demográfico. Galegos son os vosos fillos e netos, e sería bo que a Galicia regresaran”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar