Gadis pon en valor a literatura infantil en galego no Día das Letras

Supermercados Gadis súmase un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas cunha serie de accións culturais que conmemoran esta data. Nesta ocasión, a empresa enfoca as súas accións nos nenos e pon en valor a literatura infantil e xuvenil galega da man de dous autores destacados: Carlos Casares, escritor homenaxeado o próximo 17 de maio, e Helena Villar Janeiro, pioneira na creación de obras en galego para os máis pequenos.

A compañía publica “Contos do sol e da lúa”, un recompilatorio de contos da escritora, ilustrados pola pintora Ana Costas. A publicación consta de sete relatos independentes entre si, cunha extensión apropiada para os cativos. En conxunto coas coloridas ilustracións, esta serie de narracións amósanos un mundo de fantasía e enxeño que resultará atractivo para os nenos, aínda que tamén o poderán gozar os maiores. Estando a maioría ambientadas en Galicia, pero tamén fora das nosas fronteiras, estas historias reúnen escenas cotiás da infancia, como a integración dun cativo estranxeiro nun colexio galego ou o momento de escribir a carta aos Reis Magos.

Gadis edita 30.000 libros en total e regalará, ata fin de existencias, un exemplar a aqueles clientes de todos os supermercados de Galicia que durante o vindeiro 16 de maio realicen unha compra de calquera importe. Durante os últimos 15 anos, a empresa publicou 300.000 libros en galego, cantidade que é mostra do seu interese por promover o uso do galego, así como de impulsar a labor editorial na nosa comunidade.

De maneira conxunta co recompilatorio de Helena Villar Janeiro, os supermercados farán entrega aos clientes dun total de 30.000 marcapáxinas cun fragmento do conto “A galiña azul”, de Carlos Casares. Este é un dos libros máis populares do autor e foi unha das primeiras obras escritas en lingua galega dirixidas a un público de curta idade. Trátase dun dos fitos fundamentais da literatura infantil galega, que representa á perfección o compromiso coa lingua galega característico da celebración do 17 de maio.

Supermercados Gadis foi pioneira en Galicia en converter as bolsas en vehículo cultural. Dende primeiros de mes distribúe máis de dous millóns de bolsas cun fragmento da colección de ensaios “Un país de palabras”, que achegará a obra de Carlos Casares aos fogares galegos.

Estas accións culturais enmárcanse no programa de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA, empresa á que pertence Supermercados Gadis, que desenvolve máis de 1.800 iniciativas de índole cultural, social, deportivo e medioambiental ao longo do ano.

 

 

FRAGMENTO DE A GALIÑA AZUL (1968)

 

Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita.

É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas ás autoridades.

Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregara a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa o veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, á galiña vana matar.

O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaracións que fixo para a televisión e para os periódicos, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque -según Manolito Listón- unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é unha galiña como é debido.

 

FRAGMENTO DE UN PAÍS DE PALABRAS (1998)

 

Debo agradecerlle ao meu avó que desde neno me ensinase que os contos, como a vida, non son máis que detalles e que o tempo simplemente non existe.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar