A cuarta edición do «Desafío Ourense Termal» disputarase en Coles e Pereiro de Aguiar

 

A Deputación de Ourense promove a cuarta edición da carreira “Desafío 42-Ourense Termal”, unha competición que aúna turismo e deporte nunha carreira de 42 quilómetros dividida en tres probas que este ano se celebrarán nos termos municipais de Coles, Pereiro de Aguiar e Ourense, e que converterán á provincia de Ourense, os vindeiros días 20 e 21 de maio, na capital do atletismo popular. A proba presentouse esta mañá na contorna termal de Outariz, na capital ourensá, e contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do ex campión do mundo de maratón, Abel Antón; do director de “Desafío 42”, Serafín Martínez; do concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; do tenente de alcalde de Pereiro de Aguiar, Manuel Doval; do alcalde de Coles, Manuel Rodríguez; e das representantes de Banco Mediolanum e Renault Luis Aragonés.

O vicepresidente do goberno provincial destacou que esta proba, “ademais do atletismo, pon en valor a riqueza termal que posúe a nosa provincia aglutinando nun mesmo evento deporte, turismo e termalismo”. Asemade, Rosendo Fernández salientou a importancia da cooperación público e privada para levar a cabo probas desta deportivas como esta que xa estivo en dez localidades da provincia: Ourense, Ribadavia, Luintra, Xinzo, Carballiño, Celanova, Maceda, Allariz, Coles e Pereiro de Aguiar, porque queremos chegar a todas as partes da provincia de Ourense e facer, entre todos, máis Ourense, levando ao termalismo por bandeira”.

Pola súa parte, o dobre campión do mundo de maratón, Abel Antón, padriño desta cuarta edición, asegurou que participará nesta proba “Desafío 42-Ourense Termal”. Ademais, o ex campión do mundo de maratón ofrecerá esta tarde, ás 19.30 horas, unha charla-coloquio no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, aberta a todo o público para falar de deporte e da súa traxectoria.

O Desafío comezará o vindeiro sábado, 20 de maio, ás 16.00 horas, coa media maratón de Coles e, ás 21.15 horas, a competición trasladarase ao Concello de Pereiro de Aguiar, onde se disputará a segunda etapa, a “6k Sunset Encoro de Cachamuíña”. Ao día seguinte, 21 de maio, a partir das 11.00 horas, celebrarase a 15k Ourense-Banco Mediolanum, cun percorrido polas rúas da capital e polas beiras do río Miño. Asemade, os máis cativos poderán gozar nas tres localidades de carreiras infantís gratuítas, dirixidas a nenos e nenas de ata 14 anos, “cun premio de 120 euros en material deportivo para o colexio que inscriba a máis alumnos en cada categoría”, dixo Serafín Martínez.

Os interesados en participar poderán inscribirse na web www.championchipnorte.com ata o vindeiro día 17 de maio, e poderán disputar as tres probas ou só unha delas optando, neste último caso, só a clasificación individual de carreira. Ademais haberá unha clasificación xeral na que se incluirán a todos aqueles que completen todo o percorrido e unha clasificación por equipos para os participantes que se anoten en grupos mixtos de tres persoas, representando ao equipo, en cada unha das etapas, un dos integrantes.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar