Preto de oito mil alumnos na Semana Escolar das Letras Galegas de Ourense

A Deputación de Ourense organiza a cuarta edición da “Semana Escolar das Letras Galegas” na que están inscritos un total de 8.777 alumnos procedentes de 68 centros de Educación Secundaria da provincia de Ourense. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a coordinadora da campaña, Llerena Perozo; e a autora da antoloxía que se entregará nesta Semana, Mercedes Pacheco.​

Desde o día 8 ao 16 de maio, 372 docentes realizarán co seu alumnado diferentes actividades para celebrar as Letras Galegas. Con esta finalidade, o goberno provincial editou, nesta edición, “o manual titulado Carlos Casares e a Casa dos Poetas, un libro basicamente literario que vai ilustrado con fotografías a cor e reproducións de obras dos artistas premiados”, explicou Rosendo Fernández.

A Deputación de Ourense organiza esta actividade para “poñer en valor o noso idioma e a nosa historia, e achegar aos alumnos a figura de autores ourensáns tan ilustres como Carlos Casares”, dixo o vicepresidente do goberno provincial.

Nesta cuarta edición, a Semana Escolar céntrase no Premio “Celanova, Casa dos Poetas”, que organiza a Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova desde o ano 1985, sendo a figura de Carlos Casares, escritor ourensán ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, a que inicia esta escolma que recolle “a historia e a obra de 12 artistas ourensáns galardoados con este premio”, sinalou Mercedes Pacheco. Asemade, como novidade este ano, “a escolma de persoeiros vai máis aló do ámbito literario, incluíndo tamén a premiados do mundo da arquitectura, da pintura, do xornalismo, da escultura e do cine”, engadiu a autora da antoloxía.

Esta antoloxía da ourensanía é “un libro manual de lectura áxil e doado de empregar nas aulas polo profesorado, proba de elo é que cada ano hai máis docentes inscritos nesta iniciativa”, explicou a coordinadora da Semana Escolar. Ademais, Llerena Perozo destacou a “gran acollida” deste evento que ten como obxectivo “achegar á comunidade educativa, unha ferramenta máis para que, aproveitando o gallo das Letras Galegas, coñeza máis de preto a produción literaria, a tradición e a cultura da provincia de Ourense”.

Asemade, para a realización das actividades, editouse un programa de propostas de traballo e unha Guía do profesorado con pautas para utilizar a antoloxía, que xa recibiron todos os alumnos inscritos e os seus profesores.

Para concluír esta Semana Escolar das Letras Galegas, o vindeiro día 16 de maio, ás 12.00 horas, os centros participantes procederán á realización dunha serie de actos literarios.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar