Polo con cogomelos, esta noite no «Larpeiros» da TVG

“Larpeiros” recibe esta noite ao chef Carlos Parra, quen cambiará os fogóns do Hotel Monumento Castelo de Maceda pola cociña de don Benigno e compañía. O cociñeiro deixará o seu selo nunha receita cun polo campeiro, que Adrián se encargará de proporcionar. Trátase dun guiso con cogomelos para o que aproveitará dúas das especies máis apreciadas e que máis abondan en Galicia, boletos e cantarelas. Para completar o prato, e empregando de novo ingredientes da terra, o cociñeiro preparará uns apetitosos cestiños de grelos e patacas. Na mesa dos “Larpeiros” tampouco faltará a sobremesa, a cargo coma sempre de Merche e Leni. As reposteiras prepararán uns biscoitos con salsa de mel inspirados nos famosos sobaos pasiegos de Cantabria.

 

O MELLOR CHOCO DO MUNDO

En plena temporada do choco, a Televisión de Galicia percorre a costa galega na procura das mellores receitas e das historias e impresións de persoas que, por un ou outro motivo, viven rodeadas deste cefalópodo. As reporteiras do programa especial “O mellor choco do mundo”, Belén Vara e Ariadna Leis, viaxarán a Redondela para descubrir as excelencias dos que, para moitos, son os mellores chocos do mundo. Estarán na enseada de San Simón para ver como se capturan e pasarán pola lonxa e a praza de Abastos, con parada no Grove para compartir un día de pesca deportiva co club marítimo «O Isco».

O seu percorrido continuará nos bares e tabernas onde o choco é a gran estrela e onde probarán diferentes receitas. En Rianxo, degustarán os chocos na súa tinta, na Illa de Arousa, tomarán un guiso e un delicioso guiso e arroz de chocos, e, en Pontecesures, afondarán nos segredos da empanada de chocos coa axuda dos donos do bar “Choco” e a experta cociñeira e blogueira Emilia Santiago. O cefalópodo é tamén ingrediente de pratos de alta cociña como demostrarán no programa os chefs Pepe Solla,

Antonio Botana e Nacho Rodríguez, que elaborarán tres deliciosas receitas.
Ademais de abondar nas calidades gastronómicas dos chocos, as reporteiras descubrirán esas historias que fan que sexa algo máis que un cefalópodo. Estarán cos nenos do CEIP de Cedeira, que teñen un choco por mascota, e cos xogadores do C.D. Choco, o equipo da vila que tomou o nome deste producto. Tamén se sumarán a esta exaltación outros redondeláns como Benito Soto, da cantina da estación, ou os membros de Tanxarina Títeres e da agrupación O Carballo das cen polas. O programa contará así mesmo coa actuación da agrupación tradicional Lirolai, de O Rosal.

SEN BARREIRAS

 

“Sen Barreiras” achégase hoxe a unha tenda de Lugo en que se poden atopar produtos innovadores e adaptados ás necesidades de todas as persoas. Nun espazo amplo e accesible, PersonasWip vende todo tipo de artigos terapéuticos e ortopédicos que contribúen a facer máis doadas e cómodas tarefas e accións cotiás, dende roupa adaptada a nenos con necesidades especiais ata diferentes utensilios que lles permiten ás persoas con mobilidade reducida manexarse con máis autonomía. Ademais, o programa recolle o testemuño dunha persoa que é todo un exemplo de superación.

 

A REVISTA

“A Revista” visita hoxe Lugo para coñecer de preto un antigo cárcere que o goberno local reabrirá como espazo cultural o vindeiro 30 de marzo. Como primeira actividade acollerá unha exposición sobre presos que pasaron por ese edificio. O novo centro cultural contará cun auditorio dotado con 137 butacas, camerinos, biblioteca, espazos expositivos, unha tenda e unha cafetería-mirador no último piso con vistas ao casco histórico. Os reporteiros tamén estarán en Melide con motivo da Festa do Melindre. Desde alí amosaranlles aos espectadores como se fai o doce.

Por outra banda, a presentadora Laura Peña conversará coas colaboradoras habituais do programa, a readaptadora física Alba Cons e a avogada Ana Camiño, que falará das vivendas de uso turístico, con motivo da entrada en vigor dunha nova normativa autonómica que afecta a este tipo de inmobles.

 

ZIG ZAG DIARIO

A Bienal de Lalín acolle na súa edición de 2017 obras dunha vintena de artistas e importantes novidades, como o feito de que se abrise a disciplinas como a poesía ou o cine. A mostra poderá verse durante tres meses no Museo Ramón Aller e “ZigZag Diario” recibe hoxe o comisario da mostra Ángel Calvo Ulloa para facer con el repaso do que van atopar os visitantes que se acheguen este ano á Bienal. O programa tamén emitirá unha reportaxe en que dará voz a algúns dos artistas participantes, como Armindo Salgueiro, Misha Bies Golas, Carme Nogueira ou Álvaro Negro.

Ademais, o cultural da tvG2 entrará no estudio do fotógrafo coruñés José Caruncho, quen emprega instantáneas en branco e negro para evocar os anos 50 e técnicas fotográficas propias desa época. Os seus retratos e paisaxes revelan a idiosincrasia propia da Galicia máis profunda.

Data de emisión: Martes, 09.05.2017
Cinema de Noite (00.30 h.)

 

 

“FURIA DE TITÁNS”
(“Clash of the Titáns”)

 

Director: Louis Leterrier
Elenco: Sam Worthington, Liam Neeson, Ralph Fiennes, Gemma Arterton, Alexa Davalos, Jason Flemyng, Danny Huston, Mads Mikkelsen, Pete Postlethwaite, Luke Evans, Izabella Miko, Liam Cunningham, Hans Matheson, Nicholas Hoult
EUA, 2010 , 100´, Acción/Aventura. (13)

**SINOPSE**

Perseo, nacido coma un deus pero criado coma un home, non pode facer nada para salvar a súa familia de Hades, o vingativo deus do inframundo que se alimenta do medo dos homes. Sen nada máis que perder, Perseo ofrécese para liderar unha perigosa misión destinada a derrotar a Hades antes de que poida arrebatar o poder a Zeus e facer da Terra un inferno. Perseo comeza unha perigosa viaxe ao máis profundo dos mundos prohibidos, á fronte dun grupo de guerreiros entre os que se encontra Draco, un experimentado soldado que anima ao rebelde Perseo a aproveitar os seus poderes divinos. Loitando contra demos e bestas terribles, só sobrevivirán se Perseo acepta o seu poder de deus e desafía a un destino para forxar o seu propio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar