Expourense celebrará a decimosegunda edición de Previsel

 

Conseguir a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas para crear espazos de traballo saudables. Este será un dos obxectivos da 12ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense entre os días 10 e 11 de maio. Ademais de fomentar a cultura preventiva entre empresarios e traballadores, esta edición integra ademais actividades de interese para toda a sociedade. Preséntase un completo programa con máis de 30 actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, a agricultura, a docencia ou o forestal. Esta cita consolídase así como o marco elixido por distintas entidades para impartir formación neste eido.

Esta cita foi presentada esta mañá nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz; a vicepresidenta da CEO, Marisol Novoa; o director do centro ISSGA de Ourense. Ángel López; e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Previsel está consolidado como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención: administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais ou servizos de emerxencias entre outros. Tanto os profesionais como o público xeral que asista a Previsel atopará dúas importantes áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará con 23 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

NOVIDADES

Previsel realizará actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades. Entre os temas novidosos que serán abordados nesta edición destacan a presentación do programa de detección precoz do cancro de colon (organizado pola Consellería de Sanidade), a prevención da violencia de xénero, os plans de autoprotección aplicados na organización de eventos tanto desde o ámbito público como privado.

Unha das demostracións prácticas máis chamativas consistirá na exhibición dun rescate en altura empregando as denominadas “liñas de vida” instaladas nas cubertas do Paco Paz, froito da colaboración entre a Deputación Provincial e os Bombeiros, que tamén impartirán clases de “buceo en fume” para actuar ante un incendio nun lugar pechado.
Outra das novidades será a mesa sobre “seguridade e protección na edificación” na que participa a Inspección de Traballo e os colexios profesionais de Arquitectos, de Aparelladores e de Enxeñeiros Técnicos Industriais que abordarán termas como os os riscos e responsabilidades nas obras de reformas acometidas polas comunidades de veciños, que nalgún caso as responsabilidades son descoñecidas polos promotores ou os efectos derivados do deseño dos edificios na saúde dos seus habitantes.

XORNADAS E OBRADOIROS

O interese mostrado por todas as entidades integradas no comité asesor de Previsel, dá como resultado que o salón poida presentar un completo programa de actividades moi especializadas, baseadas na realidade do noso tecido laboral e totalmente accesibles. Ademais das xa mencionadas, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, continúa coa súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os profesionais de sectores específicos organizando dous seminarios. O primeiro deles será o día 10 de maio ás 12.15 h., abordará o “burnout” (síndrome do “traballador queimado”), un termo de actualidade que fai referencia ó estrés no traballo. Estará dirixido aos docentes e ás persoas que traballan de cara ó público. O segundo dos obradoiros organizados polo ISSGA será o día 11 e versará sobre a prevención de riscos no sector primario contemplando os traballos na horta, en invernadoiros e na recollida da pataca.

Outra das entidades que colabora con Previsel dende o seu comezo é a Confederación Empresarial de Ourense, CEO, que nesta ocasión organiza unha xornada sobre “a xestión da idade dende a prevención de riscos laborais, facilitando ferramentas de apoio ás empresas”.

Os sindicatos CC.OO. e C.I.G. súmanse un ano máis a Previsel e organizan cada un unha xornada na que convocarán aos seus delegados e afiliados e que están abertas a todos aqueles que desexen acudir. CC.OO.Galicia abordará o tema da “saúde laboral na empresa, que é? e para que serve?” e a C.I.G. organizará unha mesa redonda sobre o acoso laboral e o papel do sindicato nesta situación.

O salón volverá contar cunha mostra sobre os distintos tipos de corpos que operan en Galicia e nesta ocasión estará centrada nos distintos departamentos de Protección Civil e Bombeiros. O obxectivo é que os visitantes do salón coñezan os medios de protección cos que contan para poder actuar en caso de auxilio ou preventivo en situacións de risco. Esta exposición complementarase coa Unidade Operativa de Drones da Axencia Galega de Emerxencias, AXEGA, que un ano máis estará presente nesta cita sendo unha das accións que máis chaman a atención do público.

Pola súa parte, TESGALICIA, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, volve organizar un completo programa de actividades. Este programa inclúe unha vintena de conferencias e obradoiros dirixidos na súa meirande parte a persoal sanitario e asistencial como é o caso dos cursos de inmobilización de pacientes politraumatizados, de manexo de vía aérea ou de rescate en espazos confinados, entre outros que requiren de protocolos específicos cara a prevención de riscos. Como novidade nesta edición, impartirán obradoiros de reanimación cardiopulmonar, RCP, dirixidos ao todo tipo de públicos. Para o xoves 11 de maio está prevista a participación dun helicóptero do 061.

Entre as actividades permanentes destacan as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella, os obradoiros de riscos eléctricos impartidos por FREMAP ou os consellos antiobesidade e antibaquismo da Consellería de Sanidade.

O programa de Xornadas Técnicas conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego e da Dirección Xeral de Emerxencias. A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30. Entregarase certificado de asistencia.
O horario de apertura do salón será o mércores 10 de maio de 10 a 14.00 h. e de 16.30 a 19.30 h. e o día 11 de 10.00 a 14.00 h.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar