A Deputación de Ourense entrega unha nova ambulancia á Cruz Vermella

 

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, fixo entrega ao presidente provincial de Cruz Vermella, Felipe Ferreiro, dunha nova ambulancia asistencial destinada á prestación de servizos de socorro e emerxencia, unha doazón que se enmarca na estreita colaboración que a Deputación mantén coa delegación ourensá da institución. No acto desta mañá, que coincide coa celebración do Día Mundial da Cruz Vermella, Manuel Baltar tamén visitou as instalacións da organización humanitaria e asinou no seu libro de honra.

A nova ambulancia de soporte vital básico, na que a Deputación investiu 60.000 euros, ven de substituír a outro dos vehículos do parque móbil de emerxencias que será retirado logo de dez anos de servizo, tal e como establece a vixente normativa sobre transporte sanitario. Unha ambulancia que no seu día tamén fora financiada pola Deputación, ao igual que o vehículo doado o pasado ano.

A ambulancia conta no seu equipamento cun desfibrilador, ademais de material para inmobilizar aos feridos, unha cadeira oruga para evacuación por escaleiras, aparataxe de electromedicina, equipos de osixenoterapia ou mochilas para primeiros auxilios, entre outros materiais habituais nestes vehículos. O seu interior, con capacidade para seis prazas, tamén ten características especiais, como a utilización de materiais ignífugos e hidrófugos, tomas de corrente, de osíxeno ou iluminación LED.

“A sensibilidade da Deputación de Ourense co labor que desenvolve a Cruz Vermella reflíctese en actos como o de hoxe”, dixo Manuel Baltar, quen comprometeu a colaboración da institución provincial “con todas aquelas iniciativas que realiza a organización humanitaria a prol das persoas máis necesitadas”.

Baltar aproveitou a celebración do Día Mundial da Cruz Vermella e a Media Lúa Vermella para felicitar a todas as persoas que traballan nesta organización na provincia, cunha especial mención aos voluntarios e técnicos que desenvolven o seu labor no Centro de Día de Ourense, o primeiro destas características que houbo na provincia.

Compre lembrar que a relación entre a Deputación de Ourense e Cruz Vermella ten 124 anos de historia, xa que a organización ourensá naceu en 1893 no salón de plenos do Pazo Provincial, onde tamén estivo a sede da asemblea provincial ata 1993.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar