Villar Mir e Fraga

“Villar Mir, teste que ir”. Lembraba o colega e amigo Xosé María Palmeiro como hai 40 anos se coreaba nas manifestacións este pareado contra o vicepresidente do Goberno Arías. Fraga Iribarne érao de Gobernación, encargado de reprimir aos manifestantes.

Segundo o dono de Ferroatlántica na súa laudatio ao ex presidente da Xunta, xa eran moi amigos antes de entrar os dous nos gobernos franquistas. Así que non sei porque se enfurruña o presidente Feixóo e teima en negar tal relación e se alporizan os que o seguen para que non lle prendan lume nas pallas que arrastra.
O 9 de novembro do 2009, o vicepresidente da Fundación Fraga Iribarne, García Leira, anuncia que o tamén patrón Villar Mir pagará os arranxos da casa natal do ex presidente. Propiedade que mercaran Caixanova, Santander e Caixa Galiza poñendo 180.00 euros cada unha e 120.000 o Banco Pastor.

No 1996 Villar Mir pídelle nunha carta a Fraga Iribarne que lle axude a controlar a empresa Erimsa, propietaria da mina de Serrabal, que se faría famosa anos despois, ao teimar que se variase o trazado da liña do AVE. Pérez Touriño, presidente da Xunta, que lle prometera facelo antes das eleccións autonómicas, ante a presión do BNG, seu socio no goberno, dera marcha atrás.

O contencioso durou varios anos, até que o Tribunal Supremo e o Superior de Galiza lle deron a razón a Adif. Villar Mir non só demandaba 900 mi­llóns de euros de indemnización, senón que mobilizou a todos os traballadores galegos do grupo, que mesmo acamparon diante da Xunta en plena campaña das eleccións autonómicas denunciando que se non se variaba o trazado do AVE pecharían todas as fábricas.

Tamén lle reclamaba á Xunta 56 millóns de euros por volverlle a auga a fervenza do Ézaro, cando, segundo a sentenza, “era consciente da ilegalidade do permiso concedido polo Goberno de Fraga”.

No 2002, tamén o goberno Fraga, coa oposición de Cuíña, lle concedeu a explotación das minicentrais do Xallas, arrasando coas zonas protexidas, segundo denuncia realizada por 11 biólogos hai dous anos.

En maio do 2013, Villar Mir declara como imputado nos Papeis de Bárcenas por terlle doado cartos ao PP. Négao, claro, pero admite que si axudou a FAES, con 45.000 euros anuais, a CCOO e UGT, 120.000 euros a cada unha e, tamén, 120.000 á fundación da ex vicepresidenta socialista Fernández de la Vega.

Agora sóubose o que se soubo e eu non afirmo a existencia de causa-efecto, só expoño feitos.

Para rematar, outro dato: o xeneral José María Peñaranda, responsábel político do Cesed, afirma que “todos os intentos de golpe de estado levaban consigo, seguindo directrices superiores, situar a Villar Mir como presidente do Goberno”.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar