Máis de 500 mozos na ICC Week de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a Lan Party de  Ourense ICC Week (denominada «ICC Technium 2017»), un gran encontro de ocio dixital que reúne desde o pasado xoves e ata mañá domingo no polideportivo do Campus de Ourense a máis de 500 mozos procedentes de Galicia, Madrid, Asturias, País Vasco e Portugal, cos seus ordenadores, para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos. Este evento, aberto 24 horas, dispón de zonas de descanso, ocio e recreo con diferentes actividades. A Lan Party, que en anos anteriores a desenvolvían a Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática (ASEII) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI), conta nesta edición co traballo conxunto de ámbalas dúas entidades, no marco da Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou a importancia «dun evento que une tecnoloxía, ocio e innovación, e que favorece a interrelación entre os participantes, nun escenario como a ICC Week que se caracteriza por achegar Ourense a vangarda da creatividade tecnolóxica». O presidente do goberno provincial cualificou de «excelente» a resposta do público en todas as actividades da «Ourense ICC Week», «que ano a ano supera as expectativas e responde ás demandas propoñendo temas de vangarda e máxima actualidade, o que reflicte o éxito desta iniciativa a prol das industrias creativas e culturais, que desenvolve a Deputación de Ourense».

No marco deste encontro dixital acadouse hoxe un record Guinness, foi o do xogo «Final Fantasy 10», a cargo do mozo de Moaña Aarón González Santomé, quen permaneceu 40 horas seguidas xogando a este xogo de acción de rol, batendo así a anterior marca mundial, que estaba fixada en 32 horas.

As demais actividades da ICC Week incluíron hoxe música no ámbito da ICC Show Vermú e o relatorio sobre «A creatividade soluciona problemas», desenvolvido no espazo La Molinera, a cargo do produtor Carlos Jean. Como peche, hoxe, a partires das 22.00 horas, terá lugar no Pazo dos Deportes «Paco Paz» o concerto de Juan Magán.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar