Santalices anima a recuperar a confianza na Unión Europea

 

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, fixo  un chamamento a superar os recelos que rodean actualmente á Unión Europea para recuperar a confianza no proxecto europeo, “beneficioso en termos xerais” no ámbito estatal e no autonómico.

Santalices Vieira inaugurou esta mañá na Cámara galega unha xornada sobre “A incidencia da Adhesión á Unión Europea”, na que a escasas datas da celebración do Día de Europa, se dan cita representantes de institucións e entidades europeas e das universidades, o conselleiro de Facenda da Xunta, ademais de contar cunha mesa redonda na que participarán os portavoces das catros forzas políticas representadas no Parlamento de Galicia.

 

VOCACIÓN EUROPEA

 

O presidente do Lexislativo autonómico apuntou que con esta xornada europea se busca “poñer en valor a nosa irrenunciable vocación europeísta”, ademais de confrontar, desde unha visión plural, as diferentes lecturas que suscita arestora o proceso de construción europea.

Tendo en conta a proximidade dos parlamentos rexionais ao territorio e o seu contacto cos problemas da xente, Santalices reivindicou a capacidade destas cámaras para “articular un relato ilusionante e coherente, capaz de contribuír a recuperar o compromiso cidadá con Europa sen obviar, por iso, a crítica construtiva nin as propostas de mellora, sen dúbida necesarias”.

 

Santalices afirmou que “recuperar a ilusión e o compromiso con Europa é hoxe un dos nosos obxectivos”, lembrando que a integración europea foi unha arela longamente agardada pola sociedade española, “pero só comezou a albiscarse como posible unha vez iniciada a transición cara a democracia”.

 

DIFICULTADES DO PROXECTO EUROPEO

 

Recoñeceu o presidente da Cámara galega as serias dificultades ás que Europa se enfronta arestora, orfa de líderes e sobrada de demagoxia, como a que desembocou no Brexit, e mesmo de exabruptos, como o que todos recordamos do presidente do Eurogrupo, do que aínda seguimos agardando unha resposta”.

Logo de admitir a razón de ser de algunhas críticas dirixidas ás institucións comunitarias, Santalices apelou tamén á responsabilidade individual da cidadanía respecto ao futuro de Europa. Puxo como exemplo, a segunda volta das eleccións presidencias francesas do próximo domingo, nas que “o veredicto das urnas condicionará, en gran medida, o camiño a seguir: unha Europa unida e que traballe para ser máis forte, ou o retroceso. Naturalmente son dos que desexa que a primeira opción tome corpo ao peche dos colexios electorais”.

DEMOCRACIA E LIBERDADE

 

Insistiu tamén o presidente do Parlamento en que, desde a entrada en vigor dos tratados europeos, o vello continente “gozou dunha etapa de estabilidade, prosperidade, democracia e liberdade nunca antes coñecidas”. Apuntou, nesta liña, que “UE é sinónimo de democracia e de liberdade, e actúa tamén como potente vacina fronte a calquera tentación totalitaria ou regresiva, aínda que esta se presente disfrazada”.

A xornada que hoxe acolle o Parlamento de Galicia enmárcase nos actos conmemorativos do 35 aniversario da Cámara galega e foi organizada nas datas previas ao Día de Europa (9 de maio). Coincide co 40 aniversario do ingreso de España no Consello de Europa e co 60 anos do Tratado de Roma. Será clausurada polo vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar