A TVG consegue para «O Descoñecido» o primeiro premio do Celtic Media Festival

 

Celtic Media Festival 2017Douglas Isle of ManPIC Trevor Martin

 

A Televisión de Galicia conseguiu no prestixioso certame Celtic Media Festival o premio á Mellor Película para o filme galego “O Descoñecido”. Este galardón internacional, que recolleu na Illa de Man – territorio dependente do Reino Unido– o director de Proxección Social CRTVG, Fernando R. Ojea, é un dos máis importantes acadados polos medios públicos galegos ata a data.

A TVG resultou gañadora nunha categoría que premiaba longametraxes e na que competía mesmo con televisións de rango estatal como a británica BBC. O xurado do galardón salientou que, pese á dificultade para escoller un gañador, “O Descoñecido” impúxose por tratarse dunha produción altamente “explosiva” e “emocional”.

Pola súa parte Ojea salientou ao recoller o premio a alta calidade desta película e a súa forte implicación con Galicia, onde foi rodada por unha produtora e un director galegos, Vaca Films e Dani de la Torre, con actores principais galegos como Luis Tosar e Javier Gutiérrez, e participada pola Televisión de Galicia.

O Celtic Media Festival é un evento que, desde 1981, ten como obxectivo difundir e recoñecer os traballos de radiodifusión e audiovisual feitos en territorios marcados pola cultura celta. Ademais de “O Descoñecido”, tamén a serie “Os Bolechas” foi finalista na categoría infantil do certame.

Á parte da competición propiamente dita, a TVG participou con televisións de Irlanda, Irlanda do Norte, Escocia, Gales e Bretaña nun acto no que deu a coñecer os seus programas de prime time e o proxecto de televisión amodiño “Destino Santiago”, un dos que máis chamou a atención entre un público formado por profesionais do audiovisual.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar