Tres xornalistas do ABC recollen en Ourense o XXVll «Premio Carracedo»

Os xornalistas Patricia Abet, Abraham Coco e Elena Pérez recibiron de mans do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o XXVII Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, na súa edición 2017, dotado con 3.000 euros e diploma, un certame instaurado pola institución provincial como homenaxe e lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade. O acto, celebrado no Salón de Plenos da Deputación, contou coa participación da irmá e do sobriño de Xosé Aurelio, Clara Carracedo e Miguel Jiménez Carracedo, respectivamente; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; do subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, deputados provinciais, membros do xurado e representantes dos ámbitos xornalístico, cultural, social.

O xurado concedeu o galardón aos tres xornalistas pola serie de reportaxes titulada Las mil Galicias, publicada no diario ABC, que achega “unha panorámica sobre a situación actual de Galicia desde o punto de vista da solidariedade, a innovación e o emprendemento”, e supón “unha aposta dun medio e dos seus profesionais por un traballo en equipo, continuado no tempo, para analizar a realidade actual de Galicia, ofrendo aspectos sobre o problema demográfico, a investigación e os sectores económicos que resisten e seguen impulsando competitividade en Galicia”.

 

 

DÍA DA LIBERDADE DE PRENSA

 

Na clausura do acto, Manuel Baltar afirmou que hoxe “celébrase o Día Mundial da Liberdade de Prensa coas palabras básicas de: independencia, pluralidade e neutralidade. Un día no que poñemos en valor non só a liberdade de prensa senón tamén a liberdade de expresión e de opinión, garantía de que calquera cidadán poida expresarse libremente sen ningún tipo de censura”.

O presidente do goberno provincial fixo un percorrido pola historia da Liberdade de Expresión e lembrou que foi Suecia, en 1766, o pais que recoñeceu por primeira vez este dereito, e en 1993 as Nacións Unidas determinaron que se conmemorar o 3 de maio como Día da Liberdade de Prensa, cun triplo obxectivo: lembrar aos xornalistas falecidos no exercicio da súa profesión, apoiar aos medios de comunicación atacados e reivindicar a liberdade de expresión e a ética profesional”. Asemade, Baltar lembrou as palabras do secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, ao presentar o lema deste ano 2017, Mentes críticas para sociedades críticas, cando afirmou que estamos a falar “dunha liberdade de expresión que fomenta a paz e a xustiza para todos”.

O presidente da Deputación destacou o informe anual de “Reporteiros Sen Fronteiras”, que fai unha clasificación de países en función da calidade da súa liberdade de prensa, “clasificación que lideran os países escandinavos e na que ocupan os últimos postos países como Cuba ou Corea del Norte. Na dita clasificación, de 180 países, España ocupa o posto 29”.

Baltar felicitou aos premiados “que reciben hoxe este galardón que recoñece o traballo do xornalista comprometido, exemplo de veracidade e, polo que, continuaremos a apostar na Deputación de Ourense”.
Patricia Abet, en nome dos premiados, agradeceu á Deputación de Ourense a convocatoria deste certame “un dos máis antigos de Galicia e de España, e que supón un estímulo para os que nos dedicamos a esta profesión”. Asemade, agradeceu ao xurado que valorase “o que se esconde detrás desas pequenas historias de vida que se recollen en Las mil Galicias, reportaxes nas que traballamos durante seis meses e que lle dan visibilidade a vidas anónimas desa Galicia que resiste, solidaria e emprendedora”.
Pola súa banda, Clara Carracedo e Miguel Jiménez Carracedo agradeceron á Deputación de Ourense que ano tras ano a institución provincial lembre a memoria de Xosé Aurelio Carracedo a través deste certame.
O xurado, presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval Soto, estivo integrado polo vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, Carlos Toural Bran; o directivo da Asociación de Periodistas de Santiago e delegado territorial da TVE e RNE en Galicia, Rafael Cid Fernández; o xornalista, Xesús Manuel García Díaz, colexiado co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e o decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, Xosé Manuel Baamonde Silva, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

Patricia Abet Rodríguez (Santiago de Compostela,1983): estudou Filoloxía Hispánica e Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela e leva oito anos desenvolvendo seu labor profesional na Delegación de Galicia do diario ABC. Abraham Coco Barajas (Salamanca, 1987): estudou Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade Carlos III de Madrid. No ano 2010 comezou a traballar en ABC na central en Madrid e no ano 2012 trasladouse á delegación de Galicia deste xornal. Elena Pérez Rodríguez de Somoza (Santiago de Compostela, 1980) estudou Xornalismo e Comunicación Audiovisual na Universidade “Antonio de Nebrija”, de Madrid. Comezou seu labor no ABC no ano 2003 na delegación de Galicia de ABC e actualmente é a xefa de prensa da delegación territorial da Xunta en Vigo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar