O Concello de Teo concedeu vados e licenzas nunha rúa privada

O grupo popular municipal demanda ao Concello de Teo unha solución inmediata para a situación de ambigüidade na que está a rúa que separa as urbanizacións de Os Rosales e Brañas dos Alféreces, tras coñecerse recentemente que é de titularidade privada. A situación desta rúa xera unha grande incertidume na veciñanza, tendo en conta que a pesar de ser privada, o Concello actuou nela como se fora pública, segundo contan os afectados.

O detonante que fixo saltar o sinal de alarma na veciñanza foi unha grúa colocada en dita rúa que impedía o acceso aos garaxes dos residentes en Brañas dos Alféreces. Ante tal feito, o presidente da Mancomunidade de veciños solicitou a presenza da Policía Local para que intermediara no asunto; os axentes informaron ao operario da grúa de que a titularidade da rúa era privada. Esta información suscitou a sorpresa de todos os presentes, tanto porque o operario manifestou que tiña permiso do Concello, segundo explican os veciños, como porque era unha información que descoñecían os propietarios da urbanización.

Tras este suceso, os veciños advertiron outra serie de circunstancias que ilustran esta insólita situación. Por exemplo, un dos garaxes ten concedido un vado do Concello, a rúa posúe sinalización tanto vertical coma horizontal, conta con alumeado público e mesmo recordan que a Policía ten multado vehículos nesa rúa, ainda que esta última información non se puido constatar.

Ante a falla de resposta do Concello aos escritos presentados pola Mancomunidade, os concelleiros do grupo popular realizaron varias xuntanzas con representantes dos veciños afectados e reclaman unha solución para esta rúa cuxo estatus podería provocar un serio prexuízo para as urbanizacións afectadas, que suman cerca de 700 veciños.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar