Terceira edición da «Ourense ICC Week», Semana das Industrias Culturais e Creativas

A terceira edición da «Ourense ICC Week», a Semana das Industrias Culturais e Creativas, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, comezou no Centro Cultural «Marcos Valcárcel». Baixo o título «Cultura e creatividade como valor nos territorios», as actividades desenvolveranse ata o vindeiro domingo, 7 de maio, en diferentes localidades da provincia. No acto inaugural participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora de Contidos no Laboratorio de Aprendizaxe Social e Emocional, Elsa Punset; e o xornalista, director de cine e guionista, Javier Rioyo.

Manuel Baltar destacou que durante estes días Ourense será «o punto de encontro da vangarda creativa para emprendedores, artistas e entidades, que converten ao noso territorio no marco perfecto para pensamento o intercambio de experiencias e as novas tendencias no ámbito da creatividade». «Trátase dun acontecemento transversal na cultura e industria creativa que pon en valor sectores como o audiovisual, a música, a literatura, a tecnoloxía e outros sectores nos que a creatividade é o eixe vertebrador», sinalou o presidente do goberno provincial.

Baltar lembrou que este evento xa consolidado na programación cultural ourensá define «á nosa provincia como un espazo para debater, pensar e innovar, mesturando as vangardas creativas coa tradición que supón levar as actividades a diversos lugares da provincia que destacan pola súa riqueza patrimonial, histórica e cultural». «A Ourense ICC Week –afirmou Manuel Baltar- é un evento con actitude expansiva, que está en constante crecemento e que innova ano tras ano».

Pola súa parte, Elsa Punset e Javier Rioyo ofreceron a súa visión sobre a cultura e a creatividade como valor nos territorios. Trala inauguración, o Teatro Principal acolleu o concerto musical de Depedro, quen presenta en Ourense seu último traballo «El Pasajero».

Programación

Hoxe, a programación da ICC Week comezará no Multiusos de Cea cun debate sobre «O futuro da música na era dixital», entre as 10.30 e as 13.00 horas. Participarán a xornalista cultural Marta Gómez; a cofundadora da plataforma ¡Queremos entrar!, Almudena Palacios; o Brand Activation Director na multinacional M&C Saatchi, Daniel Sanchís; o músico e compositor, Miqui Puig; e a manager e presidenta de MMF Spain, Patricia Hermida.

Pola tarde, ás 16.00 horas, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación, un dos creadores da serie «El Ministerio del Tiempo», Javier Olivares, ofrecerá unha masterclass sobre «O guión de ficción para Televisión». Ao remate, ás 19.00 horas, será a quenda para a gastronomía cunha mesa redonda sobre «O condimento perfecto: a creatividade» na que participarán o redactor de recetasderechupete.com, Alfonso López; o Chef, Pepe Solla; o chef, Javier Olleros; a redactora xefa de «El Comidista», Mónica Escudero; e os chefs dos restaurante «Nova» de Ourense, Julio Soutomayor e Daniel Guzmán.

Por último, ás 20.30 horas, nos Xardíns do Padre Feijóo, volve a música á programación da ICC Week, coa actuación de The Funkles, banda tributo que reinventa en cada concerto as cancións de The Beatles.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar