A Ronda da Muralla de Lugo, a 30 kms/h e prioridade para os ciclistas

A Ronda da Muralla será zona con limitación a 30 kilómetros por hora e prioridade ciclista no carril dereito. Así o anunciou este xoves, no tramo peonil da Ronda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen subliñou que se trata dunha iniciativa con distintos beneficios, aumentar a seguridade, coa conseguinte prevención de accidentes e atropelos, mellorar a calidade ambiental, ao reducirse as emisións; conseguir un tráfico rodado máis pacífico e aumentar os espazos para as persoas, un dos grandes obxectivos do Goberno.

Nesta liña, a rexedora avanzou que con esta medida, quérese restar espazo aos vehículos para darllo á persoas, “esas que sempre pon este Goberno no principio e fin das súas accións políticas”, cumprindo ademais un acordo plenario. Con esta iniciativa, o Goberno trata tamén de normalizar a velocidade a 30 km/h, e plantexar esta acción como unha norma de mobilidade inclusiva e convivencia modal, entre bicicleta e vehículo, ademais de buscar un modelo de cidade sostible.

“Queremos invertir prioridades, primeiro o peón, despois o ciclista, o transporte público e por último os automóbiles, e este, é dun dos primeiros pasos para acadar esa cidade sostible que queremos e que ansiamos os veciños e veciñas”, aseverou Méndez. Deste xeito, limítase a 30 km/h como velocidade máxima na Ronda, acometendo en paralelo as medidas físicas necesarias, sinalización horizonal e vertical, que obrigaran ao seu efectivo cumprimento. Así mesmo, adaptaranse os dous radares existentes á nova velocidade. O orzamento para esta medida, que previsiblemente entrará en funcionamento despois do Nadal, é de 6.800 euros

CARA Á CIDADE SOSTIBLE

Lara Méndez afirmou que esta reforma, que nun principio non pode gustar, tómase “porque sabemos que responde ás necesidades e ao interese de converter a Lugo nunha cidade sostible”. Nesta liña lembrou a peonalización do centro, que nun principio tivo gran oposición e que hoxe ninguén entendería con tráfico rodado.

“Cada cidade ten as súas propias características e circunstancias”, continuou a Alcaldesa, ao tempo que subliñou que a Ronda ten dous tramos claramente diferenciados en canto ao comportamento do tráfico: entre a Porta de Santiago ata a Praza da Constitución, na que, de facto, non é posible circular a velocidade superior a 30Km/h, aínda que non existe limitación. De aí, que este tramo esixa simplemente materializar a sinalización. E o resto da Ronda da Muralla, para o que se realizou unha avaliación previa da situación de saturación da vía polo Servizo de Enxeñaría, amosando que dita medida é perfectamente asumible dende o punto de vista da capacidade da vía e aceptable para a coexistencia de tráfico e bicis. Esta medida ademais vense empregando en cidades coma Madrid en rúas con intensidades medias diarias maiores ás da Ronda.

Esta é unha ordenación da circulación que non exclúe a necesidade a medio ou longo prazo da materialización dun carril bici ou senda ciclabe. “Pero tamén é certo, que si aumentamos o número de ciclistas con normalidade, progresivamente,  sen necesidade de carril bici, camiñaremos cara a modernidade europea, onde a realidade é convivencia total nas calzadas”.

“Lugo camiña cara o seu futuro. Un futuro marcado por unha cidade sostible, accesible e para as persoas. Outra medida máis, outra acción do Goberno que consigue este obxetivo, pero nin moito menos a última. Lugo, é o impulso da súa xente e a xente, quere ter espazos para gozar de Lugo”, concluíu Lara Méndez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar