O Festival Internacional de Cine de Ourense abre as inscricións

O Festival de Cine Internacional de Ourense abre, dende hoxe e ata o próximo 4 de agosto, o prazo de inscrición de longametraxes a concurso para a súa 22ª edición, que terá lugar entre os días 20 e 27 de outubro de 2017.

A organización continúa mantendo as súas dúas competencias dentro da Sección Oficial: unha delas dedicada de modo exclusivo ás óperas primas e unha segunda centrada no cinema iberoamericano. Na Competencia Iberoamericana admitiranse as producións ou coproducións nas que participe algún país iberoamericano da seguinte relación: Arxentina, Brasil, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, España, Guatemala, Honduras, México, Nicaragua, O Salvador, Panamá, Paraguai, Perú, Porto Rico, Portugal, República Dominicana, Uruguai e Venezuela. O obxectivo desta competencia será recoller e destacar o amplo e novo espectro de propostas que no campo cinematográfico agora mesmo se realizan nos países anteriormente sinalados. Na Competencia Operas Primas, pola súa banda, admitiranse primeiras longametraxes sen límite de área xeográfica. O obxectivo desta competencia será reivindicar aos novos valores do cinema actual poñendo especial énfase en cineastas novos que traballan desde a independencia.

As obras cinematográficas que se inscriban no certame deberán estar producidas entre 2016 e 2017, ter unha duración mínima de 60 minutos e non ter sido exhibidas publicamente, emitidas nin editadas comercialmente en España antes das datas do Festival. A inscrición será totalmente gratuíta e deberá levarse a cabo a cabo a través da páxina web do Festival www.ouff.org

Ademais, este ano o OUFF conta cun aumento da dotación económica como unha das principais novidades da edición, chegando ata os 30.000 euros. Repartiranse, deste xeito, os seguintes premios: Calpurnia á Mellor Película da Competencia Iberoamericana (10.000 euros), Premio “Carlos Velo” á Mellor dirección da Competencia Iberoamericana (5.000 euros), Calpurnia á Mellor Película da Competencia Operas Primas (10.000 euros) e Premio do Público á Mellor Película das dúas competencias (5.000 euros).

Na última edición do Festival foron premiados filmes como Como me da la gana II (Ignacio Agüero), El limonero real (Gustavo Fontán), Días extraños (Juan Sebastián Quebrada), Hermia & Helena (Matías Piñeiro), Boone (Christopher Lamarca), Las calles (María Aparicio), The Dazzling Light of Sunset (Salomé Jashi) ou Notes on Blindness (Peter Mideleton e James Spinney).


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto