Manuel Baltar, na Comisión de deputacións, cabildos e consellos insulares en Ibiza

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na reunión da Comisión de deputacións, cabildos e consellos insulares da FEMP, celebrada en Ibiza, e na que se abordaron temas referidos a boas prácticas na xestión pública, despoboamento e administración electrónica.

En concreto, na xuntanza, que tivo lugar na sé do Consell insular de Ibiza, analizouse o Banco de experiencias e boas prácticas dos gobernos provinciais, e achegouse aos presidentes información sobre a coordinación desta Comisión de deputacións e a Comisión de Despoboamento da FEMP, e sobre o Congreso de Despoboamento 2017.

Na reunión tamén se deu conta da celebración da vindeira Conferencia de presidentes provinciais, que este ano terá lugar en Segovia, encontro que tivo o seu inicio en Ourense en 2014, impulsada por Manuel Baltar, co obxectivo de debater sobre o futuro destas administracións e propoñer accións que favorezan a cooperación e o traballo en rede entre elas.

Finalmente, na reunión de hoxe tratouse o informe FEMP relativo á implantación da administración electrónica e a implicación das deputacións, cabildos e consellos insulares neste ámbito da innovación tecnolóxica aplicada á xestión pública.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto