A Policía municipal de Ourense amplía o seu parque móbil

O Concello de Ourense vén de recibir tres novos coches patrulla para a Policía Local en réxime de arrendamento con mantemento (renting), co que xa suman 20 vehículos para patrullar a cidade: “Cos tres que incorporamos agora, temos 5 coches habilitados para detidos, catro furgonetas de atestados máis unha cedida pola DGT, 7 motocicletas e catro turismos para os coordinadores de servizo, inspectores, realización de informes ou casos de violencia de xénero”, avanzaba o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación dos vehículos na Praza Maior, acompañado polo concelleiro de Seguridade Cidadá, Carlos Campos, e pola intendente xefe da Policía Local, María Barrera.

“Trátase dunha renovación necesaria”, dixo o rexedor, “porque unha parte importante dos vehículos teñen máis de 250.000 quilómetros e sofren avarías constantes, teñen moita antigüidade”. Cada vehículo conta, ademais, con dous chalecos antibala e mecanismos de reanimación cardíaca (desfibriladores), que serán instalados logo dun proceso de formación que se lles ofrecerá aos axentes.

“É un paso máis para tratar de mellorar o equipamento e as dotacións do corpo policial municipal, logo de que semanas atrás se aprobase a adxudicación do lote de vestiario e equipamento correspondente a chalecos de protección anti bala e anti coitelo”, lembraba Vázquez Abad. Sumados aos outros 6 que veñen na dotación dos coches novos fan un total de 38 chalecos: “Máis chalecos que persoal por quenda”, dixo o alcalde, “e a lei fala deles como medios de dotación colectiva”.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto