A CRTVG lanza musi.gal, web de artistas galegos de música tradicional, independente e clásica

A CRTVG lanza o novo portal “Musi.gal”, onde os usuarios dos medios públicos poderán acceder a demanda a contidos musicais de todo tipo. A canle temática aposta tanto pola música máis tradicional, como pola alternativa e a clásica, da man de músicos novos, e aspira a ser o referente da música galega en Internet.

“Musigal” reúne programas e interpretacións musicais de tres importantes fontes de recursos. Por un lado, a vizosa web alala.crtvg, portal que recolle a serie documental do mesmo título producida pola TVG no seu célebre programa Alalá, co obxectivo de impulsar a música tradicional e de recoller e divulgar a cultura oral de Galicia.

En segundo lugar, a web musigalite.gal, espazo multiplataforma sobre o panorama da música independente galega e no que conflúen as experiencias audiovisuais e dixitais que antes tiveron o seu reflexo no programa Musigalité da Televisión de Galicia.

E finalmente Intermusic, unha innovadora experiencia nacida para o soporte dixital na que se recolle a historia e vivencias dun cuarteto de xoves músicos clásicos galegos (Ana López Tejero, Millán Abeledo, Cibrán Seixo e Brais Palmeiro) que deciden coller os seus instrumentos e mochilas e facer un Interrail para levar a tradición galega por Europa e amosar que a música é unha linguaxe internacional.

Os usuarios do novo portal poderán acceder non só a capítulos destes programas, contidos gráficos, materiais adicionais ou interpretacións musicais, senón que atoparán mesmo un mapa das músicas de Galicia ou unha clasificación de instrumentos.

A CRTVG promove Musi.gal co fin de aproveitar as tecnoloxías dixitais para poñer o seu material de arquivo a disposición pública e promover a cultura musical, xa que, como indica no cancelo promocional do proxecto, #avidaémúsica.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto