TVG: Duas semanas de “Destino Santiago”, experiencia pioneira de “slow tv”

 

A Televisión de Galicia comezou, hai dúas semanas, unha experiencia pioneira en España coñecida como slow TV ou televisión amodiño, chamada “Destino Santiago”. Este espazo emite de 8.00 a 20.00h o traxecto en tempo real do Camiño Francés dende Roncesvalles ata Santiago de Compostela dos interpretes galegos Tonhito de Poi, integrante da banda Heredeiros da Crus e colaborador do programa da TVG Land Rober Tunai Show e Lucia Pérez, representante de España en Eurovisión 2011. Os espectadores poden ver os artistas nas etapas do Camiño, duns 22 quilómetros cada unha, en directo a través da web www.destinosantiagotvg.gal. Ademais do seguimento ininterrompido, a audiencia pode coñecer a última hora desta viaxe mediante conexións en directo nos diferentes programas dos medios públicos.

Esta nova experiencia conta cun amplo seguimento en redes sociais, con presenza en Twitter, Instagram e Facebook, onde os espectadores poden facer os seus comentarios e estar ao día do programa a través dos perfís “Destinostgo” e o cancelo #DestinoSTGO. Durante estas dúas semanas de emisión, os chíos da conta de Twitter recibiron máis de 48 millóns de visualizacións dende a súa creación, e no perfil de Facebook contan con publicacións que chegan a máis de 20.000 persoas nun so día. Por outra banda, a emisión en streaming na web está a ter tamén un gran alcance. Conta con seguidores en países tan variados como, O Xapón, Holanda, Bélxica, Suíza, Alemaña, O Reino Unido, Estados Unidos, Francia ou México. Tamén se segue en cidades coma Barcelona, Madrid ou Valladolid.

Os artistas Lucía Pérez e Tonhito de Poi levan percorridas 14 etapas e xa pasaron polas comunidades de Navarra, A Rioxa e agora, Castela e León, onde os medios locais e autonómicos fixéronse eco desta nova experiencia da Televisión de Galicia. Hoxe mergúllanse na provincia de Palencia e en dous días chegan á de León, onde farán paradas en Sahagún e na capital.
Este sábado, ás 20.20 h., emítese na primeira canle da TVG o programa semanal de “Destino Santiago”, que resumirá os mellores momentos da semana. O espazo contará con declaracións inéditas dos protagonistas, que narrarán as súas experiencias e inquedanzas durante estes días nos que destaca a forza de Tonhito de Poi facendo a maioría do Camiño descalzo, a viaxe en globo pola Rioxa, o recibimento dunha confraría de Logroño co correspondente investimento dunha capa representativa e sobre todo a importancia da música, que acompaña os artistas dende o comezo desta aventura.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar