O Concello de Ourense promove con Sustinea unha horta ecolóxica e social na cidade

A asociación Sustinea e o Concello de Ourense promoven unha horta
ecolóxica social na cidade para paliar a falta de recursos económicos
e atopar saída laboral na agricultura ecolóxica.

A asociación Sustinea, co apoio da Concellería de Asuntos Sociais do
Concello de Ourense, comezará o luns día 20 de marzo unha nova
formación en agricultura ecolóxica enmarcada no proxecto “Un Rural
para Tod@s”, o cal, establece ferramentas para paliar a ausencia de
recursos económicos e o fomento da inclusión social mediante a
agricultura ecolóxica.

A formación de 50 horas afonda nos coñecementos prácticos para poñer
en funcionamento o horto social, ubicado no barrio da Carballeira, para
os usuarios do programa e que se estrutura en varias fases.

A primeira fase foi a recuperación e preparación do terreo abandonado
que se realizou durante o Campo de Traballo do pasado verán con 20
mozos e mozas de toda Europa.

FORMACIÓN LABORAL E ECOLÓXICA

 

Na actualidade, a horta comeza a ser unha realidade que se afianza coa
formación en agricultura ecolóxica e as formacións en orientación
laboral, dotando aos usuarios das ferramentas básicas na procura de
emprego.

Coa creación dunha horta ecolóxica no medio da cidade achéganse
tamén ás persoas os beneficios que supón un espazo verde para a
saúde, tanto a nivel físico como psicolóxico, ao ambiente, á
economía e ao tecido social do barrio.

Este ano o proxecto verase completado cun campo de traballo que
achegará a 20 persoas de diferentes países do mundo ao proxecto e á
mellora do espazo para novas plantacións de agricultura ecolóxica.

Sustinea é unha entidade non lucrativa de actuación en todo o
territorio galego que fixa o Desenvolvemento Sostible como alternativa
á degradación natural e como saída ás necesidades locais.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto