O alcalde da Coruña plantea un plan de transporte público na área metropolitana

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, participaron na Xornada de Xestión e Deseño do Transporte Urbano e Metropolitano

Xulio Ferreiro participou na clausura da Xornada sobre Xestión e Deseño do Transporte Urbano e Metropolitano, onde defendeu o papel da futura Área Metropolitana na xestión do plan de transporte que se artelle

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este mércores na clausura da xornada de Xestión e Deseño do Transporte Urbano e Metropolitano,  que tivo lugar no Paraninfo da UDC. No citado acto, o rexedor, que estivo acompañado polo concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, reivindicou a necesaria articulación dun Plan de Transporte Público Metropolitano que entenda a Área Metropolitana da Coruña “no seu conxunto como unha unidade”. Así, indicou que “o debate sobre o transporte urbano e interurbano debe transcender a discusións reducionistas, como por exemplo até onde debe entrar un autobús ou as paradas que debe facer”. “É necesario que creemos unha malla de transporte única, pensada para todos os vehículos, públicos e privados, e precisamos, do mesmo xeito, que exista unidade á hora de deseñar esa malla de transporte da que falamos”, manifestou. “A partir de aí, existen máis asuntos que debemos tratar, como cal é o papel da Xunta e dos concellos en todo este proceso, e, sobre todo, que papel ten que xogar a propia Área Metropolitana”, indicou o primeiro edil, que expresou a súa vontade de que a futura Área sexa a entidade que xestione este plan de transporte. “O sistema de transporte urbano e interurbano non pode ser dual. Con esa máxima, a pasada semana foi remitida á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia unha misiva na que alcaldes e alcaldesa da comarca reclamábamos unidade sobre este tema”, comentou.

Así, e como exemplo análogo da precisa unidade en temas relativos á mobilidade, aludiu á fronte común creada co Concello de Ferrol e outros municipios co obxectivo de reclamar ante o Goberno central “melloras na conexión ferroviaria”. “Cando falamos de mobilidade sostible estamos a falar da concepción que queremos das cidades do futuro, por iso é imprescindible a cooperación interadministrativa, deixando de lado calquera tipo de visión partidista”, indicou Ferreiro, quen quixo destacar a “unanimidade” a respecto da concepción dunha rede de transporte metropolitano que existe na comarca. “Así se ve claramente na Mesa pola Mobilidade que temos conformada os concellos que traballamos por conseguir unha Área Metropolitana real e con competencias”, expresou. “A cidadanía, ao final, acostuma a avanzar máis rápido que as institucións. Se a veciñanza entende A Coruña como un todo, e pensa dende hai anos en clave metropolitana, as redes de transporte público non poden quedar atrás”, indicou o alcalde.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto