Centenario do pasamento de Eduardo Pondal

Román Rodríguez participou  nos actos conmemorativos do centenario do pasamento de Eduardo Pondal, organizados pola súa Fundación, e coñeceu de primeira man o traballo de difusión cultural desenvolto pola FEP a través dos distintos talleres que organizan. Esta homenaxe foi extensiva ás outras dúas figuras claves do rexurdimento literario do século XIX, Rosalía de Castro e Curros Enríquez.

Na súa intervención o conselleiro destacou a orixinalidade e o carácter fundacional da obra poética do autor de ‘Queixumes dos pinos’, explicando que é e “seguirá sendo un referente”. “Lemos a Pondal −dixo o conselleiro− desde a perspectiva de ser un piares básicos da renovación da lingua literaria, e tamén desde a visión de ser un precursor que abriu camiños novos para a cultura galega. Como tamén os abriron, canda el, Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.”

Precisamente, a Consellería en colaboración coas Fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríguez, está a impulsar un itinerario literario do Rexurdimento galego que conecte as figuras de Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, os principais autores deste movemento cultural, político e literario que se inaugurou coa publicación, en 1863, de “Cantares Gallegos”. O titular de Cultura rematou a súa intervención explicando que Pondal, a carón de Rosalía e Curros, “conforman xa parte do noso imaxinario colectivo como pobo. Un pobo que trata sempre de mirar cara adiante, para nunca desandar o andado.”

Nesta homenaxe popular tomaron parte, ademais do conselleiro, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; en representación da Deputación Provincial da Coruña acudiu Xesús Soto; o alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García Carballido, o alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.

Desenvolvemento

Logo da misa, na igrexa de San Tirso de Cospindo, deron comezo os actos civís coa recepción das autoridades e a ofrenda floral diante do monólito conmemorativo do nacemento do bardo. Houbo reparto de flores, así como unha danza de paus durante a ofrenda. A continuación, a Banda de Gaitas Inllar interpretou o Himno do Antigo Reino de Galicia, mentres a comitiva coas autoridades á cabeza avanzaba cara á sede da fundación.

Á chegada á FEP, no salón principal, tres actores interpretando aos escritores Rosalía, Curros e Pondal, fiaron un acto festivo no que a alumna Alba Costa e o acordeonista Francisco Costa interpretan o poema “Ponteceso”, houbo diversas intervencións institucionais e rematou coa interpretación do himno galego a cargo da coral A Oliveira. O programa rematou cunha visita ás distintas dependencias da Fundación, onde se puido ver unha mostra das actividades e obradoiros que desenvolve a entidade.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto