A Deputación de Ourense renova o seu parque mobil

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez e o xefe do Parque de Maquinaria, José Fírvida, visitaron o parque móbil e de maquinaria do ente provincial que conta coa incorporación de dez novos vehículos destinados ao persoal da Deputación, dos cales nove serán para o persoal da Área de Medio Ambiente destinados á supervisión e o control de espazos verdes e xestión de residuos; e outro vehículo para o Gabinete de Riscos Laborais para a supervisión e o control de seguridade no traballo.

Manuel Baltar destacou que a renovación da frota de vehículos do parque móbil da Deputación é “unha obriga xa contemplada orzamentariamente para poñer a disposición do persoal da administración os mellores medios posibles para prestar un gran servizo público, neste caso, en calquera das áreas de Medio Ambiente, Vías e Obras, en cuestións de vixilancia e inspección”. E, lembrou que o goberno provincial conta con “1.840 quilómetros de estradas provinciais e desenvolvemos unha serie de competencias, recollidas de xeito público na “Carta de Servizos” polo que, con estas novas incorporacións tratamos de equipar aos nosos recursos humanos cos mellores recursos para que poidan desenvolver as súas competencias eficaz e eficientemente”.

No ano 2012, o Parque Móbil da Deputación puxo en marcha un plan estratéxico enfocado na renovación da frota de vehículos de cara a unha mellora na eficiencia e as condicións laborais dos traballadores. Para elo, adquiríronse equipos máis seguros e que contribuirán a unha menor degradación do medio ambiente coa redución de emisións de CO2. Nese senso, unha das condicións mínima obrigatoria para a contratación dos 10 vehículos obxecto de aluguer, foi que cumpriran a etiqueta enerxética segundo a Guía de consumo de combustible e emisións de CO2 do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Para continuar coas liñas do plan estratéxico de renovación da frota de vehículos e cos obxectivos marcados na normativa vixente sobre o etiquetado enerxético de novos vehículos, no ano 2016 sacouse a concurso a contratación, en modalidade renting, destes novos dez vehículos, cun orzamento máximo de licitación de 167.270,40 euros, ao que se presentaron un total de seis empresas.

As novas incorporacións quedan conformadas en tres lotes: dous vehículos de tipo turismo medio, seis vehículos de tipo turismo pequeno e dous vehículos de tipo furgoneta mixta. Estes vehículos substitúen aos 10 vehículos entregados no mes de novembro de 2016, os cales foron alugados no ano 2012, mediante un mesmo procedemento de contratación.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto