96 centros de primaria participan na terceria “Semana escolar da árbore a a auga”

 

 

A Deputación de Ourense organiza a terceira edición da “Semana Escolar da Árbore e da Auga” para conmemorar os Días Mundiais da Árbore e da Auga que teñen lugar os días 21 e 22 de marzo. Con esta finalidade a Deputación editou o libro-manual O amor eterno de Rozabales, dirixido a estudantes de Primaria, do que é autor Xosé Antonio Perozo. A presentación desta actividade tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o autor do libro; e o director xeral de Viaqua, Julio Armando Masid.

Rosendo Fernández destacou a gran acollida que ten esta actividade e á que se unen cada vez máis centros de ensino que, nesta terceira edición, contará “coa participación de 10.610 alumnos e alumnas e o seu profesorado, que durante a semana do 20 ao 24 de marzo realizarán diferentes actividades para conmemorar estas datas”. Esta actividade pretende “divulgar entre os máis novos da nosa provincia, a importancia de preservar o noso medio ambiente, así como fomentar a concienciación medioambiental”, destacou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Na actividade participarán en total 96 centros de Educación Primaria da provincia de Ourense, nos cales 827 docentes realizarán actividades propostas para esa semana, co seu alumnado. Para elo, editouse unha Guía do Profesorado que orientará aos docentes dos diferentes centros con actividades que redunden na concienciación medioambiental. A guía recolle propostas de actividades e pautas para utilizar os libros, que recibirán todos os alumnos inscritos e os seus profesores.

 

SOUTO DE ROZABALES

O libro-manual que a Deputación de Ourense editou nesta edición é “O amor eterno de Rozabales” que, a través dunha historia de ficción que se desenvolve na contorna do Souto de Rozabales co castiñeiro como árbore protagonista, pretende chamar a atención e ensinar aspectos relacionados con esta especie, os seus valores, utilidades e produtos. Así mesmo, as augas termais son outros dos aspectos que forman parte da lenda creada para que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo.

Xosé Antonio Perozo salientou a crecente demanda desta iniciativa que na súa primeira edición contou “con 8.000 alumnos inscritos, ao seguinte ano con máis de 9.000, e nesta ocasión superamos os 10.000”, unha tendencia que esperamos continuar o vindeiro ano “chegando aos 12.000 inscritos, tendo en conta o interese demostrado polos centros da provincia”.

Pola súa parte, o director xeral de Viaqua, entidade colaboradora no libro-manual, agradeceu á Deputación “o seu apoio á educación e divulgación medioambiental coa organización deste tipo de campañas, que poñen en valor o medio natural galego e que contribúen a facer conciencia de futuro”.

“Desde Viaqua, durante os últimos anos, o noso reto é participar socialmente na concienciación e educación ambiental, e coa divulgación do que se fai no ciclo integral da auga”, asegurou Julio Armando Masid, quen engadiu que este ano o Día mundial da auga “está dedicado ás augas residuais e a facer un uso responsable dela”.

Para concluír as actividades conmemorativas desta efemérides medioambiental, o vindeiro día 24 de marzo, ás 12.00 horas, os centros participantes procederán á plantación e bautizo dun pé de castiñeiro, tamén remitido pola Deputación de Ourense a todos os centros participantes.


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto