A Deputación de Ourense aproba o programa provincial de Administración electrónica

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria correspondente ao mes de marzo, celebrada esta mañá no Pazo Provincial, o Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o co-financiamento da subministración de licenzas dun sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos (2017/2018), iniciativa para a cal a Deputación de Ourense destinará un orzamento de 296.208 euros en 2017 e 444.312 euros no exercicio de 2018.

A contía económica que a Deputación de Ourense concederá para este fin dependerá do número de habitantes dos concellos, isto é, co-financiará un 90 % aos municipios de menos de 1.000 habitantes, un 70 % aos de entre 1.000 e 2.000 habitantes; un 50 % aos de entre 2.001 e 5.000 habitantes; un 30 % aos de 5.001 e 10.000 habitantes, e un 20 % aos de máis de 10.000 habitantes. O prazo de presentación para adherirse a este programa será desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e ata o 19 de xaneiro de 2018.

Por outra banda, a corporación provincial aprobou o apoio ao Ateneo de Ourense para solicitar á Xunta de Galicia que colabore no mantemento das actividades desta entidade cultural, e instar ao goberno galego a dispoñer dun local para a exposición das obras de arte, así como dun salón de actos para dar continuidade a actividade cultural da entidade e, en tanto non se resolva o emprazamento definitivo do Ateneo nunhas dependencias dependentes da Xunta, a Deputación manifesta o seu compromiso de poñer a disposición do Ateneo de Ourense unhas instalacións provisionais que permitan manter a súa actividade.

O pleno aprobou tamén o apoio aos concellos da provincia afectados pola agrupación das oficinas do Rexistro da Propiedade, expresando o seu rexeitamento a calquera medida que implique a desaparición das oficinas do Rexistro da Propiedade nos concellos de Bande, Celanova, Ribadavia, A Pobra de Trives e Viana do Bolo, así como no futuro, de calquera outro municipio que xa conte con este servizo. O pleno insta ao Ministerio de Xustiza a manter en activo estas dependencias, así como a clarificar o alcance da denominada «agrupación funcional» e a manifestar tácita e expresamente se continuarán abertos os cinco rexistros afectados na provincia de Ourense polo Real decreto 195/2017.

 

APOIO AO ATENEO DE OURENSE

Acordo:

1º.- Instar á Xunta de Galicia a dispoñer, como titora do Ateneo de Ourense, un local para a exposición das obras de arte así como un salón de actos para a continuidade da actividade cultural da entidade, dotándoo dun espazo de oficinas necesarios para o desenvolvemento do seu traballo.

2º.- Solicitar da Xunta de Galicia que colabore, como titora do Ateneo, no mantemento das súas actividades.

3º.- En tanto non se resolva o emprazamento definitivo do Ateneo nunhas dependencias dependentes da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense manifesta o seu compromiso de poñer a disposición do Ateneo de Ourense unhas instalacións provisionais que permitan manter a súa actividade. Para tal efecto, a Deputación Provincial procederá a estudar, en colaboración do Ateneo de Ourense, as posibles fórmulas de colaboración ao respecto.

 

APOIO AOS CONCELLOS AFECTADOS POLA AGRUPACIÓN DAS OFICINAS DO REXISTRO DA PROPIEDADE

Acordo:

A Deputación de Ourense ten como obxectivo prioritario a cooperación e a colaboración cos concellos para o mantemento dos servizos públicos nas zonas rurais da nosa provincia, que abarcan máis do 80 % do territorio e nas que residen preto de 130.000 ourensáns, que teñen o mesmo dereito que os habitantes de vilas e cidades a gozar, en igualdade de condicións, duns servizos públicos de calidade.

A decisión do Ministerio de Xustiza de modificar a demarcación dos Rexistros da Propiedade, Mercantís e Bens Inmobles, segundo recolle o Real decreto 195/2017 publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 4 de marzo, implica na práctica recortar os servizos públicos nas áreas rurais e poñer trabas á implicación de concellos e Deputación nos seus plans de revitalización destas zonas.

De feito, a decisión do Ministerio de agrupar as oficinas do Rexistro da Propiedade terá unha maior incidencia na provincia de Ourense, que será o territorio da comunidade galega que sufra máis modificacións. Segundo o Real decreto, Bande e Celanova dependerán da oficina de Allariz; Trives integrarase na do Barco; O Carballiño recollerá a oficina de Ribadavia e Verín a de Viana do Bolo.

A reordenación territorial afectará, pois, a cinco oficinas que dan servizo a 38 concellos da provincia, cunha importante dispersión da poboación e todos eles en zonas rurais nas que residen 58.518 veciños.

Para a Deputación de Ourense, como «concello de concellos» resulta inaceptable a supresión dun servizo público como o presente e cualificándoo de inviable, baseándose exclusivamente no número de documentos presentados ou en cuestións de carácter laboral como as interinidades prolongadas na titularidade das prazas. O emprego destes criterios, obviando outros aspectos básicos como a proximidade ao cidadán, revelan un total descoñecemento da realidade da nosa provincia, caracterizada por unha dispersión da poboación que, a resultas desta decisión, terá moitos máis obstáculos para o acceso presencial a este servizo.

O propio Ministerio de Xustiza non só utiliza criterios xerais que obvian a singularidade de cada territorio, senón que tamén achega elementos contraditorios sobre o futuro das oficinas do Rexistro da Propiedade afectadas polo Real decreto, xa que mentres fala de reordenación e agrupación afirma, ao mesmo tempo, «que é estritamente funcional, posto que as oficinas xa existentes se manteñen abertas ao público para todas operacións que lle son propias». Dito doutro xeito, continua o texto, «non hai ningunha capitalidade con rexistro actualmente establecido que como consecuencia da presente demarcación quede sen el».

Por todo o exposto, a Deputación de Ourense expresa o seu rexeitamento a calquera medida que implique a desaparición das oficinas do Rexistro da propiedade nos concellos de Bande, Celanova, Ribadavia, A Pobra de Trives e Viana do Bolo, así como no futuro de calquera outro municipio que xa conte con este servizo. Ao mesmo tempo, o Pleno da Corporación provincial insta o Ministerio de Xustiza a manter en activo estas dependencias, así como clarificar o alcance da denominada «agrupación funcional» e manifestar tácita e expresamente se continuarán abertos os cinco rexistros afectados na provincia de Ourense polo Real decreto 195/2017.

 

DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DO CONCELLO DE MELÓN EN MATERIA DE XESTIÓN RECADATORIA

Acordo:

Aceptar a delegación de competencia efectuada polo Concello de Melón a favor da Deputación Provincial, mediante acordo o 29 de agosto de 2016, exclusivamente no referido á competencia para a recadación executiva do imposto de bens inmobles (IBI) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) do Concello de Melón.

O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da recadación en vía executiva, ditando todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

Para o exercicio da competencia delegada o concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto dos tributos aos que se refire. A taxa para satisfacer polo concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme co establecido no artigo 6, apartado b) da Ordenanza fiscal reguladora ta taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.

A presente delegación estará vixente ata o 30 de setembro de 2020, prorrogándose tacitamente por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.

 

MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA EXPEDICIÓN DE CERTIFICACIÓNS DE NATUREZA CATASTRAL POLOS SERVIZOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE (BOP N.º 164, DO 18 DE XULLO DE 2012)

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación do artigo 8.1 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de certificacións de natureza catastral polos servizos da Deputación Provincial de Ourense, coa seguinte redacción:

A taxa esixirase en réxime de autoliquidación mediante o impreso que se facilite nas oficinas do Servizo de Recadación da Deputación. Con este impreso o interesado realizará o ingreso en calquera das entidades bancarias colaboradoras que se indiquen na autoliquidación ou a través da pasarela de pagos da sede electrónica da Deputación Provincial. Un duplicado da autoliquidación cobrada unirase ó escrito presentado.

O prazo de pagamento en período voluntario das autoliquidacións será de dous días naturais, sen prexuízo do disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

2º.- Someter esta modificación da ordenanza a información pública e audiencia dos interesados, de conformidade co disposto no artigo 17 do RDL 2/2004, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, polo prazo de 30 días hábiles, mediante anuncio que se publicará no BOP, realizándose tamén a pertinente publicación no taboleiro de edictos da Corporación en nun diario dos de maior difusión na provincia. Durante o expresado prazo poden presentarse as reclamacións e suxestións que se estimen oportunas, que serán resoltas pola Corporación Provincial, coa aprobación definitiva, se é o caso, da modificación da ordenanza. Se non se presentan reclamacións ou suxestións entenderase elevado a definitivo o acordo de aprobación provisional adoptado, procedéndose á publicación da modificación no BOP.

 

SOBRE A TRAMITACIÓN E APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS XERAIS DO ESTADO DE 2017

Acordo:

A Deputación de Ourense insta aos grupos políticos con representación parlamentaria nas Cortes Xerais a:

1. Sentar as bases e alcanzar os acordos necesarios que permitan chegar á aprobación definitiva da Lei de orzamentos xerais do estado para o exercicio 2017.

2. Impulsar un amplo acordo para lograr a reforma do financiamento local que cumpra coas expectativas dos gobernos locais reclamadas ao longo do tempo.

Para o seu coñecemento, acórdase finalmente trasladar esta petición á Vicepresidencia do Goberno de España, ao Ministerio de Facenda e Función Pública, aos portavoces dos grupos parlamentarios do Congreso e do Senado e á Xunta de Goberno da FEMP.

 

ESTUDO DA VIABILIDADE DE IMPLANTACIÓN DUNHA TAXA POR OCUPACIÓN DE DOMINIO PÚBLICO LOCAL ÁS LIÑAS DE TRANSPORTE ELÉCTRICO, OLEODUTOS, VIADUTOS E OUTROS

Acordo:

A Deputación de Ourense asumirá o encargo de elaborar un estudo de viabilidade da posible implantación da correspondente taxa pola ocupación do dominio público local ás liñas de transporte eléctrico, oleodutos, viadutos e outros.

A Deputación de Ourense prestará asistencia e cooperación ós concellos que así o demanden para elaborar a ordenanza de implantación desta taxa, incluíndo os estudos necesarios, en cada caso, pola ocupación do dominio público local ás liñas de transporte eléctrico, oleodutos, viadutos e outros.

 

 

APROBACIÓN DO PROGRAMA PROVINCIAL DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS DE MENOS DE 20.000 HABITANTES PARA O COFINANCIAMENTO DA SUBMINISTRACIÓN DE LICENZAS DUN SISTEMA INTEGRAL DE XESTIÓN ELECTRÓNICA DE PROCEDEMENTOS ADMINISTRATIVOS (2017/2018)

Acordo:

1º.- Aprobar definitivamente as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o co-financiamento da subministración de licenzas dun sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos (2017/2018).

Constitúe o obxecto destas bases a regulación do Programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o co-financiamento da subministración de licenzas e instalación e posta en funcionamento dun sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos durante os exercicios 2017 e 2018.

Mediante a súa adhesión ao presente programa, os concellos poderán adquirir, a través da Deputación Provincial, a licenza de uso da Plataforma de Tramitación Electrónica TAO 2.0, desenvolvida pola empresa T–SYSTEMS ITC IBERIA, SAU, adxudicataria do contrato adxudicado pola Deputación Provincial con esta finalidade. En virtude da adhesión dos concellos a este programa, a Deputación adquirirá as licenzas necesarias para os concellos adheridos, subvencionando parcialmente o seu custe de adquisición nos termos establecidos na base 3ª.

A plataforma permite o cumprimento das esixencias en canto á tramitación electrónica integral dos procedementos derivadas da entrada en vigor da Lei 39/2015, de procedemento administrativo común das administracións públicas e da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, contendo os seguintes módulos ou utilidades: rexistro electrónico, xestor de expedientes, xestor documental, notificacións, libros electrónicos, arquivo electrónico, e voto telemático, nos termos indicados nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas recollidos no expediente de contratación da Deputación xestionado pola Deputación, que poden ser obxecto de consulta no perfil do contratante da Deputación, no seguinte enderezo electrónico: http://www.depourense.es/index.php/perfil-do-contratante

A adquisición da licenza implicará a adquisición do dereito ás seguintes prestacións por parte dos concellos:

1º) A subministración do software e a instalación da plataforma nos seus equipos informáticos para o seu uso na xestión integral da totalidade dos procedementos administrativos que tramiten, así como para o arquivo electrónico dos correspondentes expedientes. A instalación será realizada por técnicos de T-SYSTEMS, coa colaboración do persoal municipal, e baixo a supervisión dos servizos provinciais.

2º) A impartición de formación ao persoal municipal que permita o coñecemento e uso da plataforma tanto dende o punto de vista operativo como técnico (isto último, no caso de que o concello dispoña de persoal técnico). A formación irá destinada tanto aos usuarios especialmente relevantes que sinale o concello como ao persoal técnico informático, de existir. A formación impartirase de xeito agrupado co persoal doutros concellos, conforme ao proxecto de implantación que aprobe a Deputación.

3º) O soporte, asistencia técnica e mantemento necesario durante un prazo de dous anos, computables dende a aprobación da adhesión, e prorrogables por dous máis coa conformidade do concello.

As licenzas de usuario darán dereito ao seu uso polo concello adherido e, ademais, e sen custe engadido, por unha entidade vinculada, dependente, adscrita ou participada polo dito concello (mancomunidade, consorcio, entidade local menor ou outras).

O prazo de subministración, configuración, produción e posta en marcha da plataforma para cada concello, incluíndo a formación do seu persoal, estímase en tres meses. Este prazo computarase a partir da data de inicio da execución dos traballos de implantación, que será establecida pola Deputación por grupos de concellos, en función das adhesións recibidas e das dispoñibilidades orzamentarias e de execución, garantíndose, en todo caso, o inicio da execución para cada concello nun prazo máximo de seis meses dende a súa adhesión.

Poderán obter a condición de beneficiarios do programa regulado nestas bases os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes que se adhiran a este nos termos indicados na base quinta.

A adhesión implicará a adquisición da licenza nas condicións ofertadas pola Deputación, conforme á base 3ª, obrigándose os concellos adheridos ao co-financiamento nos termos e contías que se indican nas bases 3ª e 7ª, así como ao pagamento á Deputación do importe da prestación de soporte técnico e mantemento, nos prazos que se indican na base 7ª. Para tal efecto, o acto de adhesión implicará a adquisición do correspondente compromiso de gasto.

En virtude do contrato formalizado entre a Deputación de Ourense e o seu contratista, os importes para as licenzas adicionais para concellos e o soporte técnico e mantemento destas son os seguintes:

– 12.100,00 € por unidade de licenza adicional (IVE incluído).

– 1.815,00 € por unidade e ano de soporte técnico e mantemento (IVE incluído).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar