Programa de emprego «2 Work Ourense»

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo director de iniciativa emprendedora, innovación e Pemes da Escola de Organización Industrial (EOI), Miguel Sánchez Galindo, inaugurou o primeiro «Demoday» do coworking de Ourense, un evento que se celebra no espazo A Molinera e no que se presentan proxectos de emprendedores do programa «Go2Work», que desenvolven a Deputación de Ourense e a Escola de Organización Industrial.

No marco deste encontro, Manuel Baltar destacou que o «Programa de Axuda ao Emprego Xove de Ourense» posibilitou o acceso ao mercado laboral a 16 mozos formados no ámbito tecnolóxico, un dos sectores máis demandados polas empresas ourensás. Este programa, unha das medidas incluídas no Plan de Mandato «Ourense 15-19», beneficiará a máis de 450 mozos desempregados de entre 16 e 30 anos, e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación de Ourense achega o 8 % e o resto é financiado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa de Garantía Xuvenil e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo a través da EOI.

«Froito da colaboración entre Deputación de Ourense e a EOI acadouse este excelente resultado formativo e laboral para os xóvenes», afirmou Manuel Baltar, engadindo que temos un aliado «nese obxectivo de xerar espazos de oportunidades a prol dos que innovan, arriscan e crean, porque en Ourense temos sobradas mostras de talento, e esta xornada de emprendedores é bo exemplo diso».

O presidente do goberno provincial destacou que xa están abertas liñas de colaboración coa EOI para o ano 2018, «e nos próximos días pecharemos o borrador de Orzamentos da Deputación para 2018, o cal amosa a previsión e planificación e a boa xestión económica dos técnicos da institución provincial», e dixo que mañá «presentaremos o remanente de tesourería máis alto da historia da Deputación de Ourense, que supera os 27 millóns de euros, unha xestión que vai unida a temas como a celeridade no pago a provedores, 7 días, ou á redución da débeda, que pasou do 116 % en 2011 ao 8 % en 2017 e que seguramente antes de maio de 2019 será cero». «Todo isto está relacionado coa xestión, coa planificación e, no caso que hoxe nos reúne na Molinera, con alianzas como a que mantemos coa EOI para seguir impulsando competitividade e innovación na provincia de Ourense», expresou Baltar.

Os 18 emprendedores que desde o pasado mes de setembro forman parte do programa ‘Go2Work’ presentaron hoxe os seus proxectos no marco da DemoDay «De startup a empresa de éxito». Ao longo deste programa, os participantes recibiron a formación e tutorización necesarias para poñer en marcha a súa idea e validar seu modelo de negocio. Durante este DemoDay presentaron aos asistentes, nun formato pitch de 5 minutos cada un, as claves desas iniciativas emprendedoras e puxeron de manifesto o aprendido durante o periodo formativo.

Tralas intervencións de Manuel Baltar e Miguel Sánchez Galindo, Artur Yuste, director xeral de Cuevas ofreceu un relatorio motivacional, e posteriormente presentáronse os proxectos de emprendemento que participaron no programa Go2Work: Domopets, Curriculum (V), e-coor, AF Top, Intercedes, Arabal3D, BVD turismo, Don Pablo Gourmet, SafeHunter, Davinci factory, Polinexia, Yo no fui, Appybee, Hausing, Gariño, Apoio, batidos saludables e aerophoto.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar