O Banco de Terras cede a Mesía, Muxía e Coirós parcelas para servizos de interese social

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou  cos alcaldes dos concellos de Mesía, Muxía e Coirós a cesión de 8 parcelas propiedade do Banco de Terras de Galicia para o seu aproveitamento como infraestruturas de interese social.

Así, facilitóuselle cinco predios ao municipio de Mesía, un ao de Muxía e dous ao de Coirós. Todos eles serán destinados a instalacións de interese común en masas de concentración parcelaria, coa finalidade de mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural, cedendo predios para iniciativas de carácter social e infraestruturas básicas. Neste caso concreto, serán para a localización de estacións depuradoras de augas residuais, locais sociais, lavadoiro e áreas recreativas.

O obxectivo destas cesións é beneficiar directamente aos veciños para mellorar as instalacións das súas zonas e facer máis cómoda a vida no rural. Neste tipo de cesións, falamos de leiras que, no momento da reestruturación parcelaria, deron lugar á existencia de masas comúns e que non teñen interese agrario para o Banco de Terras.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar