A luz da esperanza

Leva consigo un reloxo que funciona coa luz e alumea de noite, carga e anda coa luz do sol, coa natural, coa luz do día. Un reloxo que indica os cambios de hora segundo a segundo e, cando faga falta, pasa das dúas ás tres de súpeto, en menos dun suspiro e aí se queda ata o novo cambio horario, de tres a dúas, cando xa ninguén lembra se é para atrasar unha hora ou para adiantala. Isto do cambio horario provoca controversia; mentres algúns teóricos e estudosos din que é imprescindible, outros falan dun abuso innecesario. Ao parecer, é todo por mor da luz, por ter máis horas de luz natural e aforrar na luz artificial, na eléctrica. Enorme é a importancia da luz, tan grande como o seu poderío.

Estamos en tempos de certa escuridade e sería bo que os políticos e mandaricas de toda caste se dotaran de luces suficientes. Potentes luces que irradiaran intelixencia ao entorno para que todo fose luminoso, transparente e brillante. A luz é imprescindible para ver o que temos diante dos ollos e derredor de nós. É como un ben que aporta claridade, sen máis, a unha velocidade duns trescentos mil quilómetros por segundo. Son ondas electromagnéticas que andan polo baleiro e que tardan uns oito minutos en chegar do Sol á Terra.

A luz da lanterna está máis cerca, cerquiña, como a da candela, a do bicho da luz, a da claraboia ou da fiestra do norte pegada á lámpada do alumeado público. Cerca está tamén a luz daquel día ou a luz da mirada fría que atravesa a materia e rompe o espello para quedar no ámbito da penumbra, como «o pardo rubor da agonía», en verso de Miguel Hernández. Da luz e da poesía da gusto falar e coñecer. Para os interesados, permítanme que recomende a tese de doutoramento de Ginés Torres Salinas La luz de la poesía española del siglo XVI, defendida na Universidade de Granada en 2013.

Os tempos de aparente claridade tórnanse escuros, como se tanta luz os cegara, como se ninguén quixera mirar para o futuro. Apagóns sucesivos nos fogares, nas fábricas, nas rúas, nas granxas e na memoria, nos laboratorios, nas aulas, no transporte e na sanidade publica e privada. Só queda viva e acendida a luz da esperanza. Aqueles que deberían render contas diante da sociedade, van a galope arrimándose ao sol que máis quenta.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar