Xornada de informática xudicial promovida por Amtega e o colexio profesional

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colaborarán na celebración da VII Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, segundo se recolle no acordo asinado recentemente polo presidente do CPETIG, Marcos Mata, e a directora da Amtega, Mar Pereira. O convenio contempla como novidade a celebración do I Congreso de Xestión de Proxectos de Software e a continuidade de accións formativas sobre seguridade informática e Scratch.

 

DELICTOS INFORMÁTICOS

 

O acordo posibilitará a celebración da VII edición da Xornada de Informática Xudicial, un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial. Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos.

Tal e como ven ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

 

 

CONGRESO

 

Como novidade, no marco deste acordo terá lugar o vindeiro mes de maio #SilverBullet17, a primeira edición do Congreso de Xestión de Proxectos de Software, dirixido a profesionais responsables de proxecto, xefes de área, analistas ou estudantes de últimos cursos de Informática, ao obxecto de fomentar a adquisición de habilidades como a xestión de recursos humanos, a comunicación ou o liderado. A cita contará con relatores de referencia no sector.
O convenio prevé tamén a celebración dun curso sobre seguridade informática e normativa, no que se abordará a auditoría do esquema nacional de seguridade, o novo regulamento europeo de protección de datos e o goberno, risco e cumprimento no relativo á seguridade da información.

O CPETIG tamén organizará o III Scratch Day, que nesta convocatoria incluirá a robótica como novidade, posibilitando que os escolares asistentes, de entre 7 e 15 anos, que deben ir acompañados polos seus pais ou nais, poidan programar accións sinxelas a asistir a demostracións prácticas de robótica.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao CPETIG 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar