A Deputación de Ourense organiza o primeiro Foro Social Provincial

A Deputación de Ourense organiza o primeiro Foro Social Provincial que se celebrará o vindeiro día 4 de abril, de 9.00 a 14.00 horas, no Centro Cultural «Marcos Valcárcel». A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e a deputada provincial de Igualdade e Ciclo de Vida, Teresa Cerdeira.

O evento, que ten a súa orixe no recentemente constituído Consello Social Provincial, pretende «poñer en valor e visibilizar o labor que realiza o tecido asociativo da provincia de Ourense», contará coa asistencia de máis dun centenar de persoas procedentes de asociación sen ánimo de lucro da provincia de Ourense e das administración locais da provincia, dixo Rosendo Fernández.

O Consello Social Provincial é unha iniciativa da Deputación de Ourense que ten como finalidade de «poñer en valor e visibilizar a gran achega que supón o labor que realizan as asociacións desta provincia e nace coa vocación de ser un instrumento de cooperación activa na procura de que Deputación de Ourense e as Entidades Sociais traballen de forma máis colaborativa e permeable», asegurou o vicepresidente do goberno provincial.

«Queremos que as diferentes políticas sociais que a administración propoña o faga dende un maior coñecemento das inquedanzas do terceiro sector, establecendo un diálogo entre sociedade civil e xestión pública de cara a unha maior transparencia, eficacia e eficiencia», engadiu Rosendo Fernández.

O acto constitutivo do Consello Social Provincial tivo lugar no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense, nunha sesión que, presidida polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, participaron 24 entidades sociais da provincia, ás que hai que engadir outras 6 entidades que xa solicitaron a súa incorporación ao mesmo.

O Consello Social Provincial ten tres eixos de actuación: participación, visibilidade e transformación e é precisamente no apartado de visibilidade onde se enmarca este Foro Social Provincial, «na procura de incrementar a visibilidade das iniciativas sociais e do traballo que desenvolven as entidades da nosa provincia», dixo Rosendo Fernández.

O Foro Social Provincial quere «identificar os proxectos das entidades sociais da provincia e as súas actuacións como sinónimo de atención profesionalizada, metodoloxías de actuación definidas e contrastadas, capacidade de adaptación e articulación de respostas ante novas realidades ou cambios sociais», explicou Teresa Cerdeira.

En canto aos obxetivos do Foro, Teresa Cerdeira dixo que nel se van a expoñer «as boas experiencias que se están a desenvolver no territorio da provincia, darase visibilidade ao traballo altamente profesionalizado e innovador que desenvolven para trasladalos a diferentes ámbitos profesionais dos servizos sociais así como concienciar á sociedade en xeral da gran achega social que todo iso ten para o estado de benestar da nosa sociedade».

Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense pretende tamén establecer novos mecanismos de colaboración e coordinación entre as entidades sociais e os servizos sociais comunitarios dos 92 concellos da provincia.

A deputada provincial de Igualdade e Ciclo de Vida explicou, no relativo ao desenvolvemento do Foro, que se vai a estruturar en seis mesas nas cales, baixo diferentes títulos, as asociacións exporán a súa experiencia. As diferentes mesas son: programas de apoio que se desenvolven no medio rural (Cruz Vermella Ourense, Centro de Desenvolvemento rural O Viso e o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas), axudando a continuar: reintegración social (Asociación para a prevención da educación social (APES), a asociación Atox, o Comité Cidadán Antisida de Ourense e a Asociación Arraianos), apoio social en entornos familiares (Asociación RedMadre Ourense, a Asociación ARELA de Femuro e a Fundación de solidariedade Amaranta), impulsando a inclusión e a integración (Asociación de Familiares y Enfermos Mentales AFEM Morea, a Asociación de persoas xordas de Ourense e a Federación Provincial de Asociacións de persoas con discapacidade Física de Ourense), promoción social, información e apoio ante diferentes patoloxías (Asociación de Familiares enfermos de Alzheimer Ourense (AFAOR), Asociación de Autismo de Ourense, Asociación sobre Dano Cerebral Adquirido, Asociación Renacer Ourense, Asociación española contra o Cancro Ourense e a Asociación Diabética AURIA), emerxencias básicas: a resposta inmediata das entidades sociais provinciais (Asociación Banco de Alimentos de Ourense, Cáritas Diocesana de Ourense, a Sociedade de San Vicente Paúl e a Fundación Juan Soñador).

Todos aqueles interesados en participar no Foro ou en ampliar a información poderán facelo a través da páxina web www.ourensesocial.com.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar