Santiago: Remata o Obradoiro de Emprego Ecotur co acondicionamento das Brañas do Sar

 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, fixeron a entrega de diplomas ás persoas participantes no Obradoiro de Emprego Ecotur II que se desenvolveu do 1 de setembro ao 28 de febreiro.

O acto de entrega de diplomas comezou coa visita e percorrido da senda do río Sar, dende o Novo Milenio ata a carballeira do Parque Eugenio Granell, para continuar ata o Centro Sociocultural da Pontepedriña. No acto participaron o alcalde e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, ademais do director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia, José Alfonso Marnotes.

Este obradoiro é a continuidade dos traballos levados a cabo o ano pasado por 32 persoas menores de 30 anos e desempregadas no acondicionamento das sendas peonís de Galeras a Ponte Albar. Naquela ocasión actuárase sobre 33 hectáreas de terreo en dúas especialidades formativas: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e colocación de pedra natural.

Nesta ocasión foron un total de 15 alumnos e alumnas as seleccionadas para traballar en ambas especialidades, con tres persoas de persoal docente e de xestión. O obradoiro ten un orzamento de 181.651,48 euros, dos cales 50.000 son achegados polo Concello e o restante pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa cofinanciación do Fondo Social Europeo.
Realizáronse rozas e podas selectivas, eliminación de especies invasoras, consolidación de seccións do sendeiro, saneamento e drenaxe, encanamento de regueiro en pedra, restauración de presa, canles e pontes, lousado de pedra de granito sobre base flexible ou colocación de sumidoiros, arquetas e outros elementos auxiliares ao camiño.
Esta rota pode iniciarse dende diferentes puntos grazas a súa localización e fácil acceso, ben dende a zona do Multiusos, a Colexiata de Sar ou o barrio da Pontepedriña. Transcorre ao lado do río Sar por un camiño de terra e varias pontes, o que permite observar varios muíños, canles de rego e hortas, así como visitar a Colexiata.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar