Galicia reforza as accions de apoio social aos galegos no Brasil

O conselleiro de Política Social e o secretario xeral da Emigración, José Manuel Rey Varela e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, comezan unha visita institucional a Río de Xaneiro, en Brasil, coa intención de fortalecer e reforzar o compromiso social do Goberno galego coas familias en situacións máis delicadas, dentro e fóra do territorio.

Así, os altos cargos autonómicos visitan en primeiro lugar a socias e socios, e instalacións, do Hospital Español de Río de Xaneiro, dependente da Sociedade Española de Beneficencia, senlleira institución da diáspora que presta asistencia sanitaria a boa parte da diáspora galega e española, e coa que colabora activamente cada ano a Secretaría Xeral da Emigración.

Conselleiro e secretario xeral asinarán despois un acordo de colaboración, coa finalidade de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas dos cidadáns galegos residentes na megalópole brasileira, coa Peña Galega da Casa de España, mercé ao cal axúdase ao mantemento dun Centro de Día que atende a 300 maiores -case todos de ascendencia galega-, e que celebra o seu 31º aniversario.

Xa na xornada de [mañá domingo], ambos mandatarios achéganse á celebración polo 77º aniversario doutra comunidade galega de Río, a ‘Sociedade Recreio dos Anciâos’, coa que asinarán un acordo similar ao anterior, e que coincide coa inauguración da Praza Compostela, espazo de convivencia no interior das instalacións do ‘Recreio’. Cómpre lembrar que unha porcentaxe moi importante das e dos peregrinos que percorren o Camiño proceden do Brasil, un dos países que máis persoas teñen achegado ao proceso de internacionalización do fenómeno xacobeo.

Galegos no Brasil
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora na República Federativa do Brasil 47.753 galegas e galegos, o que converte ao país carioca no segundo de América con maior número de paisanos, só despois da Arxentina.

Deles, 35.123 (o 73’55 por cento por cento do total, case tres de cada catro) naceron xa na diáspora. O grupo máis significativo numericamente é o de nados na provincia de Pontevedra, en total 24.046 (o que significa o 50’35 por cento).

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar