O PP de Teo demanda máis seguridade nos Tilos, onde arderon sete coches

«A reacción da alcaldía ante os graves problemas de seguridade no concello é moi feble e evidencia unha total falla de prevención e de planificación. Limítase a poñer o asunto en mans da Delegación do Goberno, quen xa anunciou máis efectivos, pero non explica qué se vai facer dende o executivo local naquelas cuestións que é competente. Guerra insiste na necesidade da creación dun plan de seguridade local». Así se expresou o líder do PPdeG no Concello de Teo, José Manuel Guerra.

«O suceso dos Tilos, coa recente destrucción de sete coches que foron incendiados  foi o máis preocupante  para a veciñanza, pero non foi máis que a gota que colmou o vaso dunha serie de sucesos denunciados nos últimos meses como os roubos en fogares non só nesa mesma zona, senón tamén noutras coma Luou ou Calo», engadíu Guerra

Para o PP de Teo, «o  bipartito segue sen reaccionar perante os problemas de seguridade no concello. Non o fixo nos previos e tampouco o fai ante un suceso tan grave como o dos Tilos, limitándose a deixar todo en mans dos efectivos do Goberno central e sen anunciar ningún tipo de acción a nivel local. A única resposta que coñecemos do alcalde son vaguidades e futuribles», señala o voceiro popular teense.

Dende a subdelegación do goberno explicouse que o posto da Garda Civil do Milladoiro se verá reforzado con seis axentes máis de personal, dos que a metade xa se incorporaron. «Sen embargo, qué resposta temos do bipartito?», pregúntase o grupo popular. Por tal motivo, Guerra insiste na trascendencia que ten a elaboración dun ambicioso plan de seguridade que afecte a todo o Concello e considera que dende o bipartito se está a perder unha oportunidade de ouro para inicialo de forma inmediata. Reitera, igualmente, a necesidade de cumprir coa obrigatoriedade de convocar semestralmente a Xunta Local de Seguridade.

Ao fío da cuestión, logo de escoitar as demandas veciñais destes últimos días, ademáis de ser necesaria maior presenza policial na zona, os populares consideran que convén prestar especial atención sobre os «focos de escuridade que atopamos en varias zonas da urbanización dos Tilos, coma nas inmediacións da farmacia. Non obstante, o sistema de iluminación xeralizado é deficiente en toda a zona e precísase máis luz».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar