O Concello de Lugo fomenta a educación viaria no plan «Primaver segura»

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, e a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, presentaron este xoves no Salón de Plenos os VI Cursos Primavera Segura, que acollerá o Parque Infantil de Tráfico dende o vindeiro 24 de abril. Deste xeito, o Concello, coa colaboración da Dirección Xeral de Tráfico, continúa fomentando a educación viaria entre os nenos e nenas, de 8 e 14 anos, co obxectivo de que os máis cativos e cativas adquiran condutas seguras como peóns e viaxeiros e como usuarios do transporte público e privado, así como aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais.

No acto de presentación, Manuel Núñez subliñou a importancia destas actividades, que achegan ao ámbito educativo o concepto de seguridade viaria, ao tempo que coñecen de xeito práctico os bos hábitos na vía pública. O Concelleiro tamén incidiu no compromiso da entidade local coa educación viaria, a través de distintas iniciativas, un aspecto imprescindible para mellorar a seguridade.

Pola súa banda, Yubero agradeceu ao Concello, unha vez máis, o interese para levar a cabo estes cursos de educación viaria, «unha das áreas fundamentais para mellorar a seguridade e a mobilidade». Así mesmo, insistiu na oportunidade que supón Primavera Segura para que os nenos e nenas interioricen normas e aprendan comportamentos seguros, e valores fundamentais que lles servirán non só no ámbito da seguridade, senón no día a día, como respetar aos demais. Tamén quixo animar aos máis cativos a inscribirse nestas actividades libres e gratuítas, para que todos os nenos e nenas teñan as mesmas oportunidades. Neste senso tamén incidiu Reigosa, quen lembrou o éxito e a aceptación das cinco edicións anteriores de Primavera Segura.

Todos os interesados poderán inscribirse do 3 ao 17 de abril, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:30 a 14:00 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de admitidos publicarase o 20 de abril no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é totalmente gratuíta.

Estableceranse 5 quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro turno do 24 ao 28 de abril para os nenos e nenas de entre 12 e 14 anos, un segundo e un terceiro, do 2 ao 5 de maio e do 8 ao 12 de maio, para os de 10 e 11 anos, e un cuarto e quinto, do 15 ao 19 e do 22 ao 26 de maio, respectivamente, para os nenos de 8 a 9 anos. As actividades desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida que será asignada previamente, recibindo formación teórica e práctica, coa finalidade de achegalos a situacións de tráfico, sen perigo ningún. Agrúpanse coa finalidade de incidir en temas concretos dependendo da idade, por exemplo, aos de 8 anos con máis relevancia no comportamento como peón e usuario do transporte público, ou os 10, como ciclista ou usuario dos monopatíns.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar