Na procura da salvación do Ateneo de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a representantes da plataforma pro-Ateneo de Ourense, quen lle deron conta da preocupación existente ante a falta de espazo para seguir desenvolvendo a súa actividade. O presidente do goberno provincial expresoulles que comparte “cen por cen” o espírito de traballo e a filosofía do Ateneo, e remarcou: “Non entenderíamos unha cidade e unha provincia de Ourense sen un referente social e cultural como é o Ateneo”.

Baltar afirmou que durante décadas o Ateneo de Ourense foi un foro de expresión artística, literaria, creativa e mesmo política “e non podemos permitirnos a circunstancia de prescindir dunha entidade destas características”.

Como a disposición da Deputación de Ourense é total para que o Ateneo siga desenvolvendo a súa actividade, Manuel Baltar ofreceulle solucións á plataforma para resolver o problema da sé, e solicitoulles, para un pronunciamento político, coincidindo co pleno de marzo da corporación provincial, que lle remitan unha declaración para expoñela na xunta de portavoces, “para que sexa aprobada, agardemos que unanimemente por todos os grupos políticos, no pleno deste mes de marzo”.

Con independencia do pronunciamento político, o presidente da Deputación ofreceu alternativas que poden achegar solucións ao problema do espazo: poñer a disposición o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e compartir as instalacións co Ateneo para que as súas actividades se sigan desenvolvendo neste edificio da institución provincial. “Se ben, como entendemos que tamén é importante que o Ateneo poida contar cun espazo propio, púxenme en contacto co conselleiro de Cultura para que o vindeiro 3 de abril manteñamos en Ourense unha reunión coa plataforma pro-Ateneo para analizar a proposta dos seus representantes de que a nova sé do Ateneo se sitúe no edificio da actual Biblioteca Pública da Xunta de Galicia”. Esta é a primeira opción que contempla a plataforma, xa que este edificio da rúa Concello conta con espazo para oficinas, exposicións e salón de actos.

Baltar propúxolle á plataforma que no caso de non acadarse a posibilidade da biblioteca que os representantes do Ateneo busquen un local que reúna as características axeitadas “e a Deputación de Ourense estará aí para apoiar economicamente o mantemento desa infraestrutura, porque o Ateneo ten que seguir funcionando”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar