«Área Pública», da TVG, vai a Bruxelas no 60 aniversario da UE

Hoxe, venres, “Área Pública” emitirá unha edición especial Adicada integramente á Unión Europea, na véspera do sesenta aniversario da firma dos Tratados de Roma, que sentaron as bases da UE.

O programa emitirase no seu horario habitual a partir das 19:00 h. e abordará as implicacións para Galicia do proxecto comunitario con entrevistas e mesas de debate tanto no estudio en San Marcos coma noutro en Bruxelas. O Parlamento Europeo cedeulle á Televisión de Galicia o seu estudio, chamado Ágora, que empregan canles televisivas de todo o mundo para as súas conexións.
Ao longo do programa, abordaranse, entre outros contidos, o repartimento dos fondos estruturais e a súa repercusión en Galicia; o espazo Schengen e a cuestión da inmigración; a contribución do programa universitario Erasmus, que fai 30 anos, á construción dunha identidade europea ou o acordo CETA, convenio económico e comercial global entre a UE e O Canadá con efectos en Galicia.

No estudio de Santiago, a presentadora do programa, Susana López, conversará co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, e moderará a mesa de debate habitual en que participarán os ex-conselleiros Antolín Sánchez Presedo e Henrique López Veiga, e mais os xornalistas José Luis Gómez e Xosé Luis Jiménez.
Susana López dará paso ao estudo de Bruxelas, onde a correspondente da TVG, Sabela Romar, entrevistará no Parlamento Europeo a directora xeral de Orzamentos da UE, a galega Nadia Calviño; o director de Comunicación do Parlamento Europeo, Jaume Duch Guillot, e o eurodeputado británico do Partido Conservador Charles Tannock, experto no sector pesqueiro.

 

 

LUAR

As pandeireteiras do grupo belga Ialma presentan no “Luar” o seu último álbum, “Camiño. De Bruxelas a Santiago”, un traballo moi esperado no mundo do folk despois de cinco anos de parón. Fillas de emigrantes galegos en Bélxica, volven cun disco que inclúe temas tradicionais e outros de feitura contemporánea, con letras de autor, coma os que interpretarán esta noite.

O programa recibe un artista ao que viu nacer, o ourensán Christian Escuredo, gañador da segunda edición de “Cantareira de Cantareiros”, que agora está a triunfar co “Priscilla, el musical”. O cantante e actor do Barco de Valdeorras interpretará a canción “Like a prayer”, de Madonna. Un tema na liña dos que serven de banda sonora do espectáculo musical que está a presentar en Vigo e no que fai o papel dunha artista drag.

Ademais, esta noite volverá ao escenario de “Luar” a cantante de copla e flamenco, Carmen Flores, quen conserva o espírito dunha das sagas familiares máis coñecidas no mundo da música.

A Agrupación Folclórica Santa Columba de Ribadelouro, o grupo ferrolán de música tradicional Encrucillada, a Banda de Música de Calo e a Orquestra Charleston Big Band formarán tamén parte do elenco de actuacións do programa, en que se convida de novo ao escenario un grupo de música portuguesa, Chocalheiros do Alentejo, e un artista circense, Víctor Rubilar. Ademais, segue a fase final de “Recantos” en que exhibirán as súas voces, Aneu, representante de Ourense Sur, e Issiris, de Galicia Centro. O espectador ou espectadora máis afortunado pode rematar a noite gañando os tres mil euros que se repartirán na chamada telefónica deste venres.

GALICIA ON

 

Este venres, o programa “Galicia On” indaga nas claves do éxito de dúas empresas innovadoras que traballan con produtos frescos do mar. A primeira delas é Isidro 1952, dedicada tradicionalmente á comercialización de peixe e á acuicultura e que agora decidiu investir nun novidoso proxecto de venda de sushi envasado. A segunda, Fresco del Mar, é unha peixería en liña dedicada á venda de peixe e marisco fresco galego. As dúas empresas buscan que os seus productos cheguen ao consumidor no mellor estado posible, e a innovación é fundamental para acadar os resultados desexados.

 

A REVISTA

“A Revista” recibirá a visita de Diego Cantero, o alma mater do grupo pop Funambulista, que esta noite actuará na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde presentará o seu álbum “Quédate” Este mozo murciano é un dos autores e intérpretes máis recoñecidos do país e comezou a súa traxectoria hai máis de dez anos. As súas cancións reciben milleiros de visitas na plataforma de vídeos Youtube e conseguiu alcanzar os primeiros postos en plataformas dixitais e nas principais radios.
Ademais, os reporteiros de “A Revista” desprazaranse ata A Coruña para falar coa escritora mexicana Adriana Macías, que participa como relatora no congreso “Lo Que De Verdad Importa”, onde explica como aprendeu a manexar os pés coma se fosen mans para ser unha persoa autónoma malia nacer sen brazos. Ademais, o programa tamén estará en directo na Escola Municipal de Artes e Oficios, EMAO, de Vigo, onde terá lugar a Mostra de Coiro. Neste evento reuniranse persoas de diferentes nacionalidades para dar a coñecer o que dá de si este material.

Por outra banda, tamén visitarán o programa dous membros da Asociación Portuguesa de Orquidofilia, que se dedica á divulgación, preservación e cultivo das orquídeas.

 

 

tvG2
ZIGZAG DIARIO

 

 

“ZigZag Diario” centra o programa deste venres nos Premios María Casares de teatro, que se entregan o vindeiro mércores. A Televisión de Galicia emitirá en directo a gala da que o seu director e condutor, Pepo Suevos, adiantará algúns detalles no estudio. O programa homenaxeará a figura de María Casares coa colaboración dos actrices e actores con máis candidaturas, que responderán á pregunta formulada por “ZigZag”. Que papel lle darías a María Casares? Ademais, os espectadores coñecerán polo miúdo a última produción da compañía de teatro Talía, “Ubu Rei”, cun guión baseado na obra do dramaturgo francés Alfred Jarry

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar