«Xuntos no Camiño», percorrerá o domingo a penúltima etapa

«Xuntos no camiño» percorrerá o vindeiro domingo 19 de marzo os 20 kilómetros que unen San Miguel (Valga) e As Galanas (Teo) polo Camiño Portugués a Santiago de Compostela. Cinco asociacións de Pontevedra puxeron en marcha esta iniciativa: ASAMPO (Asociación de Amigos da Pontevedrada), ASSEII (Asociación Socio-sanitaria Educativa Inflamatoria Intestinal), ANEDIA (Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia), PEDALADAS (Asociación para a Promoción da Mobilidade Alternativa) e AMENCER-ASPACE (Asociación de Atención á Parálise Cerebral, afectacións motóricas de orixe neurolóxica e outras patoloxías afíns). Os participantes nesta nova etapa sairán ás 8.30 h e rematarán aproximadamente ás 17.00h.

«Xuntos no camiño», que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, está a completar por etapas o Camiño Portugués desde Tui para amosar que as patoloxías que representan este colectivos non son un impedimento, e para seguir reclamando medidas que normalicen o seu día a día.

Nesta etapa, dedicada a facer visible o labor de PEDALADAS, «Xuntos no camiño» pretende dar a coñecer a realidade das súas asociadas e asociados, proporcionando alternativas de ocio e deporte inclusivos ás persoas con diversidade funcional, construíndo así unha sociedade máis responsable e comprometida.

Durante o percorrido, como en xornadas anteriores, os peregrinos, entre eles nenos e nenas con enfermidades crónicas, parálise cerebral e outras patoloxías, intercambiarán experiencias e coñecemento sobre a súa realidade e farán varias actividades, como a de remarcar o trazado do Camiño Portugués con frechas e cunchas de vieira pintadas en amarelo.

XORNADA DA MOBILIDADE ALTERNATIVA E SUSTENTABLE

Co obxectivo común de construír un camiño e unha sociedade para todas e todos, durante as distintas etapas de “Xuntos no camiño” os participantes están a coñecer a realidade dos socios e socias das asociacións que participan no proxecto e tamén cales son as súas necesidades e demandas. Deste xeito, PEDALADAS, a quen se lle dedica esta penúltima xornada, traballa para promover o uso da mobilidade alternativa e sustentable, así como na defensa dos dereitos dos ciclistas na vía pública.

As actividades que realiza esta asociación desde a súa constitución, en 2003, céntranse na promoción do ciclismo como medio de transporte saudable, coa participación en campañas de seguridade viaria. Nun paso máis neste proxecto, en xuño de 2016 crean, xunto a outras asociacións entre as que está AMENCER-ASPACE, o programa Rodando, partindo da crenza de que a mobilidade debe ser universal e inclusiva: «con este

proxecto temos como obxectivo demostrar que o ciclismo é unha forma de moverse para as persoas con diversidade funcional –sinalan-. Pretendemos demostrar, a través do ocio, que tódalas persoas podemos acceder ao transporte alternativo se dispoñemos dos medios e do apoio necesario».

A iniciativa «Xuntos no Camiño» beneficia a todas e todos eles dun xeito transversal: «Dende PEDALADAS, e a través do programa Rodando integrámonos en «Xuntos no Camiño» porque non hai mellor xeito de visibilizar que as persoas con diversidade funcional tamén podemos movernos pola natureza, de xeito sustentable, que percorrendo o camiño portugués ata Santiago de Compostela», engaden.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar