EEUU confirma o apoio á segunda misión comercial con Ourense

 

O Goberno de Estados Unidos confirmou o apoio á segunda misión comercial USA-Ourense, que se celebrará na primeira quincena do vindeiro mes de xullo na provincia de Ourense, co obxectivo de favorecer canles de negocio entre empresas ourensás e estadounidenses. Así o avalou a Administración USA trala reunión que mantivo en Washington Manuel Baltar co Departamento de Comercio do Goberno Federal, unha segunda misión que suporá un importante espazo de oportunidades empresariais.

O Departamento de Comercio estadounidense valorou positivamente os resultados acadados na misión empresarial de 2016, que permitiu establecer acordos de colaboración e explorar liñas de negocio para as empresas de ambos territorios, confirmaron Blake Murray, asesor internacional, e Kristin Najdi, directora para Europa, do Departamento de Comercio USA.

Segundo concordaron con Manuel Baltar, a misión comercial USA-Ourense terá este ano un marcado carácter medioambiental, que determinará boa parte da axenda dos encontros bilaterais entre empresas de Ourense e Estados Unidos, «pois para os principais sectores económicos da provincia de Ourense, entre os que se atopan o agroalimentario, o turístico, e o da lousa, entre outros, a importancia de afondar en estratexias sostibles supón un distintivo de calidade é de boas prácticas na xestión e dálle un plus de confianza aos seus mercados-obectivo», afirmou Manuel Baltar.

Pola súa banda, Najdi e Murray destacaron que a misión comercial establecida con Ourense permitirá estudar posibles acordos de investimentos en ámbitos como o da innovación, no que a provincia de Ourense conta con empresas que poden interesar ao mercado americano. O proxecto «Provincia Intelixente», impulsado por Manuel Baltar para a aplicar a innovación tecnolóxica e a transparencia á xestión pública, coa máxima de abrir canles directos de participación cidadá foi un dos temas abordados na reunión coa representante de Comercio USA, como tamén os contactos que Ourense está a manter con Israel para avanzar en temas de cooperación entre empresas ourensás e israelíes para desenvolver conxuntamente proxectos tecnolóxicos.

Precisamente, neste ámbito estase a traballar estes días entre a Deputación de Ourense, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e a Cámara de Comercio no programa da misión empresarial que se desenvolverá en Tel Aviv o vindeiro mes de maio, misión coordinada e liderada pola Deputación de Ourense, que, neste ámbito da internacionalización vén de asinar un convenio coa CEO, no que a institución provincial achega un total de 100.000 euros, destinados a un conxunto de actuacións para apoiar a dimensión internacional das empresas de Ourense.

Embaixador de España en EEUU

No ámbito diplomático, o presidente da Deputación de Ourense reuniuse tamén hoxe co embaixador de España en Estados Unidos, Ramón Gil-Casares, con quen avanzou na estratexia de colaboración institucional e empresarial USA-Ourense, para ampliar contactos relacionados cos principais ámbitos de actividade económica da provincia de Ourense. Nun almorzo oficial celebrado na residencia do embaixador, en Washington, Baltar e Gil-Casares concordaron na importancia de ampliar as pontes comerciais entre Europa e Estados Unidos, «e sinaladamente de Ourense con América, dados os vínculos persoais e profesionais que desde hai máis dun século unen a estes dous territorios», expresou o embaixador.

Gil Casares puxo a disposición da provincia de Ourense as oficinas comerciais dependentes da embaixada, coas que conta en Estados Unidos, para cooperar institucionalmente e para ofrecer apoio ás empresas de Ourense en USA. Neste sentido, o Departamento de Comercio da embaixada está a traballar en cooperación co Departamento de Comercio USA, analizando empresas que polo seu perfil, actividade de negocio, innovación e internacionalización puideran estar interesadas en participar na segunda misión comercial USA-Ourense.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar