13 espectáculos, finalistas dos XXI Premios de Teatro María Casares

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de anunciar os nomeados aos XXI Premios María Casares, a gran festa do teatro cuxa gala se celebrará o próximo 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os espectáculos finalistas nas catorce categorías coas que contan os Premios déronse a coñecer na Festa dos Nomeados deste 2017. O Salón Teatro de Santiago acolleu  o acto, presentado pola actriz e vogal da entidade Nieves Rodríguez, ao que acudiron a maior parte dosprofesionais finalistas deste 2017. Rodríguez, na súa presentación, destacou que durante a inscrición aos premios un total de 44 espectáculos e ao redor de 400 profesionais, presentaron as súas candidaturas, sendo as cifras rexistradas máis altas ao longo da historia dos María Casares.

En total de 13 espectáculos acadaron algunha nomeación nos catorce apartados nos que se dividen os María Casares: maquillaxe, vestiario, iluminación, música orixinal, adaptación-tradución, texto orixinal, escenografía, actriz secundaria, actor secundario, actriz protagonista, actor protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

 

O tolleito de Inishmann, coprodución de Contraproducións e o FIOT Carballo, converteuse neste 2017 na produción con maior número de finalistas ao obter un total de 11 nomeacións. Pola súa banda, Eroski Paraíso, de Chévere, aspira a 8 galardóns. Raclette, de Ibuprofeno Teatro, opta a 5 premios. Estas tres producións teatrais disputaranse os apartados á mellor espectáculo e dirección.

Voaxa e Carmín, de ButacaZero, tamén aspira a levar 5 premios María Casares, mentres que Foucellas, de Talía Teatro, competirá en 3 categorías.

Os espectáculos A nena que quería navegar, de Redrum Teatro, e Os amores de Jacques o fatalista, de Producións Teatráis Excéntricas, optan a 2 María Casares.

Finalmente, optando a un galardón atópanse Xurdefet (Jour de Fête), de Berrobambán; Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro; Tartufo, do Centro Dramático Galego; Get Back, de Eme2 Producións; Danza da Choiva, de Elefante Elegante, e Os Rockenstein, de Malasombra Producións.

CATEGORÍAS

Cada espectáculo aspira aos premio nas seguintes categorías (entre parénteses, número de premios ao que optan):

1. O tolleito de Inishmaan (11): espectáculo, dirección (Cándido Pazó), actor protagonista (Santi Romay), actriz secundaria (por partida dupla: Susana Dans e María Roja), actor secundario (Evaristo Calvo), adaptación/tradución, escenografía, maquillaxe, vestiario e iluminación.

2. Eroski Paraíso (8): espectáculo, dirección (Xesús Ron), actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), actor protagonista (Miguel de Lira), actriz secundaria (Cristina Iglesias), texto orixinal, iluminación e música orixinal.

3. Raclette (5): espectáculo, dirección (Santiago Cortegoso), actor secundario (por partida dupla: Toni Salgado e Salvador del Río) e texto orixinal.
4. Voaxa e Carmín (5): actriz protagonista (por partida dupla: Mabel Rivera e Belén Constenla), texto orixinal, maquillaxe e vestiario.

5. Foucellas (3): escenografía, iluminación e música orixinal.

6. A nena que quería navegar (2): espectáculo infantil e vestiario.
7. Os amores de Jaques o fatalista (2): adaptación/tradución e música orixinal.

8. Tartufo (1): actor protagonista (César Cambeiro).
9. Xurdefet (Jour de Fête) (1): adaptación/tradución.
10. Pavillón Lino (1): espectáculo infantil.
11. Get back (1): escenografía.
12. Danza da choiva (1): espectáculo infantil.
13. Os Rockenstein (1): maquillaxe

Na Festa dos Nomeados participaron, ademais, os e as representantes dalgunhas das diferentes institucións que colaboran na organización dos premios: A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Consellería de Cutura, Educación e Ordenación Universitaria-Xunta de Galicia), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE e a Fundación SGAE. Deste xeito, entregáronlles aos nomeados e nomeadas os diplomas Jacobo Sutil, director da Agadic; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Yolanda Pereira, coordinadora da Delegación AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión), e Patricia Blanco, en representación da Fundación SGAE. Pola súa banda, o presidente da AAAG, Ernesto Chao, na súa intervención destacou a participación deste ano e a calidade dos espectáculos.

Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Premios María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa na actualidade a 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia. A súa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 co obxectivo de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega, enchendo o oco baleiro existente neste eido.

Os galardóns constan de catorce categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do pano, ademais do Premio de Honra Marisa Soto, que recoñece a traxectoria profesional do galardoado/a. A Xunta Directiva da AAAG é a encargada de outorgar o citado galardón.

Aspiran aos Premios María Casares de Teatro todas as producións teatrais realizadas que foran estreadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesión, así como todos os profesionais que participaron nas citadas montaxes, durante ese período de tempo.

O portal da Asociación é www.aaag.gal

 


© 2011 Galega de Comunicación e Información, S.L.U. - Aviso legal - Contacto