O Piloto, sen efeméride

O pasado 10 de marzo, hai 51 anos que morría a mans da Garda Civil Xosé Castro Veiga, O Piloto: o último guerrilleiro de toda a península morto en combate. Esta efeméride non aparece no “santoral laico” de Galiza. É máis, hai quen teimosamente lle quere negar esa condición. Ese “negacionismo” instálese por unha parte en Madrid e, por outra, na Galiza.

Asumir O Piloto como figura histórica, unido a que foi no noso País onde primeiro comezou e se organizou a guerrilla antifranquista, servindo de exemplo non só ao resto da península, senón tamén aos maquis franceses, significa mudar boa parte do relato da loita antifranquista e o papel de Galiza no Estado.

A súa lembranza e as primeiras homenaxes partiron da sociedade civil, concretamente de mozos nacionalistas, e non contaron nin coa presenza nin co apoio de ningún partido político.

No caso do PCE é lóxico. Como afirma o historiador Secundino Serrano, “o PCE impuxo a partires da transición a condición de invisíbel para o movemento guerrilleiro. A parte de impulsar algunhas narracións ideolóxicas, o PCE quixo borrar a guerrilla do seu pasado”. Si, o Partido Comunista, que elixiu a vía armada para acabar co franquismo, desembarazouse da guerrilla non só como opción estratéxica, senón como fragmento da súa historia e da historia de España.O Piloto, como outros moitos guerrilleiros galegos, non aceptaron as novas tácticas do PCE, chamada “política de reconciliación nacional”, converténdose en inimigos do aparato carrillista do partido, como antes o foran os monzonistas. O PCE, puxo tanto empeño en eliminalos, mesmo fisicamente, como lle pasou a Vitor García, O Brasileño, como a propia Garda Civil.

Por iso é lóxico o esquecemento e a deturpación de O Piloto (“xa non era guerrilleiro”) que puxo en marcha o aparato do PCE, coincidindo coa propaganda do Réxime, para facer críbeis as súas tácticas políticas e os seus pactos claudicantes.

E o nacionalismo… Por que o nacionalismo non reivindica a O Piloto? Por ignorancia e porque as direccións das organizacións nacionalistas gustaron sempre moito máis do laio victimista que de pór en valor as loitas e as vitorias históricas do noso pobo. Sempre estiveron moito máis preocupadas de resaltar “o que nos fixeron” que de difundir “o que nós fixemos”.
Pode ser que tamén que a moitos O Piloto lles resulte incómodo, pois aínda hai moitos vivos que o apoiaron e o sufriron. Só así se entende, por exemplo, o silencio do concello de Chantada á proposta presentada hai un ano polo BNG para erixir un museo da guerrilla ou a negativa do PSOE a apoiala.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar