Eladio Jardón, premio «Victory Award» de comunicación política

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao politólogo ourensán e director do Instituto Internacional de Marketing e Comunicación, Eladio Jardón, premio «Victory Award» de Comunicación Política, quen vén de publicar a obra Claves de una campaña única. No libro Jardón analiza as campañas electorais facendo especial fincapé na convocatoria das eleccións locais de 2015 en España, comicios nos que Manuel Baltar concorreu como candidato á Presidencia da Deputación de Ourense.

A obra conta con achegas de Vicente Fox, ex presidente de México; Juan Verde, presidente da Fundación Advanced Leadership ou Jorge León, director da Escuela de formación política de Ecuador, entre outros. A publicación presentarase publicamente en Ourense neste mes de marzo, e tamén están previstos actos no Concello de Baltar, municipio de nacemento de Eladio Jardón; Santiago de Compostela, Madrid, México e Bos Aires.

Segundo o autor, Claves de una campaña única repasa a primeira campaña dun candidato a unha Deputación en España, «unha maneira diferente de entender a política, centrando a atención no electorado e presentando un programa electoral con data de implantación, un feito insólito en España», salienta o autor. Jardón explica que o libro «plasma o que foron as claves do éxito dunha campaña sen precedentes, que rompeu esquemas ao situar ao electorado como protagonista e na que se apostou por innovar e realizar actuacións creativas e distintas».

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar