«I Congreso internacional de drons» en Ourense

Máis información en www.dicgalicia.gal

 

Ourense acollerá a primeira edición do Congreso Internacional de Drons, que co-organiza a Deputación de Ourense e a Asociación galega de enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións, e que terá lugar do 31 de marzo ao 2 de abril no Pazo dos Deportes «Paco Paz» e en Expourense. Tres días nos que por primeira vez se reunirán técnicos, empresarios e entusiastas desta innovación tecnolóxica, que analizarán os últimos avances no sector, as aplicacións nos servizos, as liñas de investigación e as diferentes oportunidades de emprego e negocio que ofrecen os drons.

 

Así o informou esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen presentou o congreso xunto ao presidente da Asociación de enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións e delegado do COITT en Galicia, José Manuel Martínez. Baltar destacou que o apoio do goberno provincial a esta iniciativa «é inherente á actividade que vimos desenvolvendo desde a Deputación en innovación no sector dos drons», e lembrou o convenio que o ente provincial ten asinado con Aerocamaras para poder acreditar pilotos de drons, por parte da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), «tendo certificado o Pazo de Vilamarín como campo de voo e aula de formación, na que levamos impartidas 21 edicións e acreditado a 450 persoas», explicou Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou que en Ourense se teñen realizado co apoio da Deputación cursos en seguridade e montaxe de drons, piloto en emerxencias, experiencia en voo con dron profesional e, proximamente, abriranse as convocatorias para os cursos de drons sobre: edición e postprodución audiovisual, operador de cámara, topografía, termografía, deseño e impresión 3D, inspeccións técnicas, agricultura de precisión e piloto de drons de carreiras.

José Manuel Martínez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para poder levar a cabo este evento e explicou que agarda unha participación no congreso dunhas mil persoas, «pois xa recibimos solicitudes de España e outros países, as máis numerosas de Francia e Portugal». O evento reunirá a expertos de sectores como o agrícola, marítimo, seguridade e telecomunicacións, quen exporán as posibilidades que ofrecen os drons e as súas aplicacións profesionais.

Haberá relatorios sobre as aplicacións de drons para agricultura de precisión, busca de bancos pesqueiros, topografía, seguridade e xeo-localización, lexislación e deporte. José Manuel Martínez explicou que o colofón do congreso será unha carreira de drons, que se celebrará no Pazo dos Deportes «Paco Paz».

O Congreso está dirixido a empresas, centros de investigación, organismos e institucións, fabricantes, distribuidores, investigadores empresas de servizos, universidades e público en xeral.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar